3 de nov. de 2018

PONTEVEDRA

CULTURA

`A NOSA TERRA`, DO PINTOR ANTONIO MARTÍNEZ MARTÍNEZ (CACHI)

· Do 9 ao 23 de novembro, na sala de exposicións do Palacete das Mendoza


Ricardo Rodríguez Vicente / Pontevedra


 `A Nosa Terra´, é o título xenérico da mostra que o ilustrador, muralista e pintor guardés Antonio Martínez Martínez (Cachi), presenta do 9 ao 23 de novembro, na sala de exposicións do Palacete das Mendoza (Praza de Santa María, s/nº), na cidade de Pontevedra.

 A obra pictórica de Antonio Martínez (Cachi) - artista autodidacta - é de estilo realista. Nos seus cadros están as cores, as luces, o mar - o noso mar -, o río Miño... Están A Guarda, ese lugar paisaxística e xeolóxicamente, irrepetible, e está Galicia, tan atractiva, tan heteroxénea e tan diferente, que namoran a quen nos visita.

 Os seixos da plataforma continental galega, coa súa particular evolución entre os laños das rochas, impulsados pola dinámica das mareas, amosando cores creadas pola Natureza fai milleiros de anos.

 Sulagos entre ribeiras miñotas, onde namora o martín peixeiro, que cando lle peta sai cara á beira do mar, coa súa característica mensaxe acústica que o identifica e coa que se comunica cos seus conxéneres.

 Fervenzas abondosas de augas que nacen ceibes nos cumios da Serra da Groba e da Serra do Argallo, e baixan imparables a fusionarse co Carballas, co Pego, co Cereixo, ..., e finalmente todos eles, no Pai Miño.

 A paleta de Antonio Martínez (Cachi) está configurada por unha ampla gama cromática que vai desde o azul ao verde, nas súas diferentes tonalidades. 

 Dese xeito o pintor traslada o soporte a materia imprescindible, sen ningún tipo de exceso, captando a esencia do entorno natural, e logrando uns resultados moi gratos.

 Antonio Martínez Martínez (Cachi), pintor de amplo currículo expositivo, vai amosar en Pontevedra unha escolma da súa producción máis recente e con toda certeza vai lograr que seu paso pola Boa Vila sexa un punto de inflexión na súa traxectoria artística.

 A exposición poderá visitarse de luns a venres, de 08:00 a 20:00 h.; os sábados de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 h.; e os domingos e festivos de 10:00 a 14:00 h.

Ningún comentario:

Publicar un comentario