3 de nov. de 2018

PEDORNES (OIA)

XXXII SEMANA CULTURAL DE PEDORNES 

Do 5 ao 10 de novembro, no Centro Cultural


Manuel Ángel Pombal Diego / Pedornes

 Chega a Pedornes (concello de Oia) a festa coa programación da súa Semana Cultural que organiza a Asociación Cultural "San Mamed" no Centro Cultural da citada parroquia. Este ano celébrase desde o luns 5 hasta o sábado 10 deste mes e alcanza a edición número XXXII; trátase, pois, dun evento de longa raigame e moi agardado tanto polos veciños de Pedornes como polos que estes días nos visitan. Contamos, ademais, coa colaboración e axuda da Asociación Costa dos Castros de Oia e da Asociación de Veciños “A Muruxeira”, esta última tamén de Pedornes. Por outra banda, unha parte do orzamento está cuberto polo Concello de Oia, a Deputación de Pontevedra e a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da propia parroquia. 

 Como en anteriores edicións, o programa abrangue un amplo abano de actividades, case todas aptas para todos os públicos (e abertas á participación de calquera persoa), estando aquelas que comezan ás 17:30 horas especialmente dirixidas aos máis cativos, mentres que as organizadas a partires das 18:30 ou 19:30 horas, dependendo dos días, sexan tamén do agrado (e conten coa participación) de adolescentes e adultos.  

 Sinopse do programa  

 Entre as actividades para os máis pequenos, este ano hai un obradoiro de manualidades no que se realizará unha cápsula do tempo, montaxe de “puzzles”, elaboración dun mural do magosto e unha película infantil.  

 De luns a venres temos varias proxeccións con temáticas moi variadas. Comezamos coa proxección dedicada a Pedornes no programa Grandes Lugares da televisión de Galicia, continuamos coa gravación de Telemariñas sobre as riadas de Oia e seguimos cunha proxección sobre a Festa do Caramuxo, celebrada durante varios anos na nosa parroquia e que foi elaborada por Chicho, veciño de Pedornes. O xoves, ademais da actividade “Unha historia de amor” en homenaxe a María Victoria Moreno a cargo de “Polo correo do vento”, subvencionada pola Deputación de Pontevedra, haberá unha proxección audiovisual variada. Finalmente, o venres será a estrea do documental “Memorias de Oia” gravado polo concello de Oia.  

 Todos os días celébrase algún campionato, onde a participación é o máis importante,incluíndo tenis de mesa e brisca (luns), chinchimoni e escoba (martes), dominó e parchís (mércores), tute e damas (xoves), futbolín (venres), e xogo da rá (sábado). Ademais, o venres teremos o tradicional concurso/degustación de doces caseiros típicos da sobremesa, contando coa animación do grupo “Ventiscas do Peirado” de Pedornes. De seguido, procederemos a preparar (“escunchar”) os 200 quilos de castañas que serán degustados ao día seguinte e remataremos a xornada cunha “chocolatada” para todos os colaboradores.  

 En relación co rico patrimonio etnográfico e arqueolóxico da contorna, o sábado, día grande da programación, hai unha excursión guiada por parte da Ruta Máxica de Oia que transcorre pola parroquia, con saída ás 10:30 h desde o Centro Cultural de Pedornes. Os interesados deben anotarse durante a semana no Centro Cultural de Pedornes. Xa pola tarde, ás 18:30 o grupo de teatro “O mellor de cada casa” de Viladesuso representará a obra “Cousas da vida”.  

 A continuación terá lugar a XXXV Festa do Magosto con castañas asadas, viño tinto e refrescos totalmente gratis para todos os asistentes. O magosto estará amenizado polo grupo de gaitas “A Fiada” de Viladesuso.  

 Tamén haberá servizo de cantina, incluíndo o sábado bocadillos a prezos populares. Así mesmo, haberá unha carpa para gozar da festa independentemente das condicións climatolóxicas. 

 Finalmente, queremos agradecer o gran apoio que os organizadores estamos a recibir por parte dos veciños de Pedornes e a súa contorna, así como a todos aqueles que dunha ou doutra forma participan desinteresadamente aportando o seu traballo e o seu tempo para facer posible unha nova edición da Semana Cultural de Pedornes. 

 Animamos, pois, a toda a veciñanza a participar activamente nas actividades programadas. Pola súa longa tradición, esta próxima semana será, sen dubida, de moita festa na parroquia de Pedornes. Agardámosvos!

Ningún comentario:

Publicar un comentario