28 de abr. de 2024

DEPORTES

REMO 

O CLUB DE REMO ROBALEIRA CAMPIÓN DE ESPAÑA DE BATEIS

 Na categoría xuvenil feminina


Momento de celebración na tarde deste domingo, no Monumento ao Mariñeiro, en presenza de familiares e seareiros do Club de Remo Robaleira
Foto: Santiago Baz Lomba

Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 Despois de haberse proclamado campioas de Galicia de bateis na categoría xuvenil feminina, o pasado domingo día 21 deste mes de abril de 2024 en augas da Pobra do Caramiñal; as remeiras Tecla Baz Baz, Claudia Dorado Acevedo, Esther Dorado Acevedo,  Tania Dorado Avecedo e Uxía Fernández Videira [timonel], do Club de Remo Robaleira, de A Guarda, que na mañá de hoxe competiron na manga 35, na regata final da súa categoría, veñen de proclamarse este domingo 28 de abril, campioas de España de bateis, na categoría xuvenil feminina. 

 Foi novamente na Pobra do Caramiñal (A Coruña), e lográrono con autoridade, xa que fixeron soar a bucina cun rexistro de 00:09:55,80, superando a tripulación do Hernaniko Arraun Elkartea, de Hernani (Gipuzkoa), que cun tempo de 00:09:59,25, logrou a 2ª praza. En 3ª posición, cun tempo de 00:10:00,62, entrou o batel do Club de Remo Valle de Camargo, de Maliaño (Cantabria). A 4ª praza foi para a tripulación do Club de Remo La Planchada, de El Astillero (Cantabria), que parou o crono en 00:10:02,67. E por último entrou en liña de meta o barco do Club de Remo Tolosaldea Arraun Oria 2005, de Tolosa (Gipuzkoa), que fixo un tempo de 00:10:03,95.

 Dese xeito, as remeiras do Club de Remo Robaleira, acreditaron, unha vez máis, que grazas a seu esforzo ao longo de todo o curso, e o das persoas (adestradores, directivos, remeiras/os,..) que as apoian, tanto no ámbito da entidade deportiva, como no familiar, é posible destacar entre as mellores remeiras de España. 

 Por iso, desde hoxe, no deporte do remo de banco fixo, de Galicia e de A Guarda, hai unha boa razón para celebrar este novo fito deportivo.

 Con razón, desde ás 19:00 horas de hoxe, en que fixeron súa entrada na vila de A Guarda, moitas persoas achegáronse ata o Monumento ao Mariñeiro para compartir a ledicia das remeiras de Robaleira que ben merecen o apoio de toda á cidadanía.

Ningún comentario:

Publicar un comentario