1 de nov. de 2018

LABORAL

A CIG faise coa maioría absoluta nas eleccións sindicais celebradas na empresa Aister de Moaña 

A central logrou cinco dos nove delegados/as que se escollían no comité 

Infogauda / Moaña

 A federación da Construción da CIG vén de gañar con maioría absoluta as eleccións sindicais celebradas recentemente na empresa Aister, con sede na parroquia moañesa de Meira, ao facerse con cinco dos nove delegados/as que se escollían no comité. 

 Tras o proceso de eleccións sindicais, a representación do cadro de persoal estará integrada por cinco delegados/as da CIG, dous da UGT e dous independentes. O anterior comité estaba formado por tres representantes da UGT, un da CIG e outro de CCOO. 

 A central logrou as cinco delegados/as no colexio de especialistas grazas aos 38 votos colleitados, fronte aos 21 que obtivo a UGT neste colexio, que supoñen dous representantes. Os dous delegados/as que se escollían entre os técnicos/as e administrativos/as pertencen a unha candidatura independente. 

 Dende a CIG lembran que o anterior comité, que se escolleu hai xa sete anos, estaba formado por cinco representantes. Neste tempo a compañía aumentou o seu cadro de persoal até os 115 traballadores/as, o que supón contar cun comité de nove, mais a dirección manobrou para intentar atrasar a celebración dunhas eleccións que foron promovidas pola propia central. De feito a empresa pretendía seguir escollendo só cinco representantes, polo que a CIG tivo que impugnar un proceso que finalmente lle supuxo conseguir a maioría absoluta “grazas ao traballo feito pola nosa central tanto dentro como fóra da empresa”, sinalan dende a federación da Construción.

Ningún comentario:

Publicar un comentario