26 de out. de 2018

A GUARDA

A xornada inaugural de Tecnoimaxín na Guarda contou coas charlas de Gema Sánchez, Débora Ramonde e Jaume Gurt  

O alcalde Antonio Lomba Baz con Débora Ramonde Iglesias, directora da Zona Franca e Explotación Inmobiliaria de Vigo, na inauguración do evento
Vista parcial dos asistentes á primeira xornada da Feira do Emprego e Formación Tecnoimaxín

Infogauda / A Guarda

 O xoves 25 de outubro a Casa dos Alonso foi o escenario da inauguración da Feira do Emprego e Formación Tecnoimaxín, acto que contou coa presenza do alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz; o concelleiro de Formación e Emprego, Manuel Javier Crespo González e a deputada provincial, Montserrat Magallanes Álvarez.  

Montserrat Magallanes Álvarez, na súa intervención, seguida con atención polo alcalde e o concelleiro de Formación 

 A deputada provincial, Montserrat Magallanes Álvarez, destacou na súa intervención «a importancia de que o sector público aposte polo emprendemento e axude á creación de riqueza». 

 Pola súa banda o alcalde da Guarda,  Antonio Lomba Baz, fixo fincapé na «dinamización comercial pola que se aposta no Concello da Guarda, pero tamén o apoio preciso a aqueles que precisan unha axuda para emprender e innovar»

 Manuel Javier Crespo, concelleiro de Formación e Emprego, fixo un agradecemento a todos os que fixeron posible que Tecnoimaxín se celebrase un ano máis na Guarda, apostando polo emprego na zona e promovendo as actitudes emprendedoras entre a poboación.  

                                                        Gema Sánchez Cabezudo
Susana Rodríguez 

 Trala inauguración, a coach e psicóloga social Susana Rodríguez fixo unha breve presentación da primeira ponente desta edición, Gema Sánchez Cabezudo. Gema realizou o primeiro obradoiro desta edición, que versou sobre as «Competencias emocionais para afrontar un futuro laboral dixitalizado», que en modo obradoiro participativo, integrou ao público asistente, preto dun cento de persoas, participando activamente.  

 Gema Sánchez Cabezudo é facilitadora do cambio, experta en Orientación e Asesoramento non Directivo, coach profesional certificada especializada no desenvolvemento de habilidades socioemocionais e na creación de estratexias de cambio sostible que permitan ás persoas, equipos e organizacións mellorar o seu desempeño e potenciar os seus recursos.   

 Trala pausa para o xantar, a directora da Zona Franca e Explotación Inmobiliaria de Vigo, Débora Ramonde Iglesias, falou sobre os programas de apoio ao emprendemento ViaGalicia e tamén dos programas de apoio á internacionalización das Pymes ViaExterior que se levan a cabo dende o Consorcio da Zona Franca de Vigo. Proxectos que contan cunha gran acollida e que teñen xa axudado a moitos emprendedores na creación de empresas e no seu salto ao mercado internacional.  

Jaume Gurt

 De seguido, entre as 19:00h e as 20:30h, Jaume Gurt, Director de organización e desenvolvemento de persoas en Schibsted Spain, grupo que aglutina varias firmas de negocio en liña, falou sobre «A Felicidade nas novas organizacións». 

 Explicou aos presentes como un mundo cada vez máis tecnolóxico está empurrando ás persoas e á sociedade, cara a novos limites. O traballo e a vida corren cada vez máis rápido, máis presión, máis cambios, namentres as presas e a angustia apodéranse dos seres humanos. Como o ollo do furacán, no medio desta revolución nace a oportunidade dun GRAN cambio para as organizacións, por ás persoas no centro, creando entornos que faciliten a felicidade no traballo, e gañando en rentabilidade. Jaume Gurt o viviu e é consciente que realmente funciona.  

 A Feira do Emprego e Formación Tecnoimaxín chega un ano máis á Guarda para desenvolver unha ampla programación de actividades ao longo de 3 días, un evento dirixido a estimular o talento e crear cultura emprendedora na comarca do Baixo Miño.  

 O proxecto conta cunha páxina web na que se irá ampliando informacións de interese sobre este Feira do Emprego e Formación, que aspira a converterse nunha cita obrigada para todas aquelas persoas interesadas en coñecer máis sobre as novas tecnoloxías, a formación continua e emprego, novas vías de negocio, entre outras novidades do sector empresarial.  

 Máis información e inscricións na Omix ou AEDL do Concello da Guarda no 986 610 000 ou no enderezo electrónico informacion@aguarda.es

Ningún comentario:

Publicar un comentario