ROMARÍA DE SANTA TREGA: DEVOCIÓN E TRADICIÓN SECULAR
· Celebrarase o domingo día 23 de setembro no cumio do monte que leva o nome da protomártir
As mulleres son as que portan a imaxe de Santa Trega o día da súa festividade
Fotos: Infogauda
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
Como todo o mundo sabe, o vindeiro domingo día 23 de setembro, é a festividade de Santa Trega, avogada da cabeza e do corazón, ainda que hai quen afirma que tamén é padroeira dos doentes de cancros óseos.
En todo caso, son moitas ás persoas devotas de Santa Trega, procedentes de diversos lugares de España e de Portugal, as que o longo de todo o ano visitan súa ermida no monte que leva seu nome, e que lle levan testemuñas de agradecemento pola intercesión da santa.
Asemade, no día da festividade de Santa Trega, e tamén noutras ocasions o longo do ano, moitas persoas devotas madrugan para rezar o Santo Rosario seguendo a Vía Sacra existente no Monte Santa Trega.
Os actos litúrxicos previstos para conmemorar a festividade de Santa Trega comezarán na ermida medieval adicada a mártir de Iconio, coas misas rezadas que serán oficiadas ás 8:00, 9:00 e 10:00 da mañá, respectivamente.
A misa grande, como os fieis adoitan denominar a eucarístía solemne, dará comezo ás 11:00 h., e contará con sermón e ofrenda.
O remate desa misa, dará comezo a tradicional procesión e, unha vez rematada esta, os devotos de Santa Trega, poderán bicar o relicario da discípula de San Pablo e o Lignum Crucis.
Este ano, ademáis de veciños de A Guarda e súa contorna, participará nos actos na honra de Santa Trega, unha representación de Póvoa de Varzim, cidade vencellada a Guarda desde tempos moi antigos.
Como sabemos, os pescadores poveiros tamén son moi devotos de Santa Trega. Antigamente, nas súas arribadas á badía da Guarda, subían o Monte Santa Trega e gravaban as súas siglas de familia na vella porta da capela e tamén - como pudemos comprobar in situ, con ocasión da primeira singradura da Lancha Poveira do Alto "Fé em Deus" - a carón do púlpito. E antes de partir para á Póvoa de Varzim, viraban as tellas da cuberta da ermida para que o vento tamén virase, e as roncadeiras do Norte empurrasen a popa dos seus barcos rumbo á Póvoa.
“Somos daqueles poveirinhos que tantas vezes assubiran este vosso sagrado Monte, nas súas arribadas á costa norte, em busca do abrigo da vossa Guarda e da vossa milagrosa protecçâo (...)”.
“(...) Quantas veces cantamos o que os livros agora registan para sempre:
“Minha rica Santa Trega
Dai-nos ventinho de pôpa
Que nos queremos ir embora
E temos a vela rota”
Regresamos hoje, neste día da vossa Festa e aquí preitamos a nossa gratidâo e reconhecimento pelo amparo que concedesteis às nossas xentes do mar (...)”.
Así, dirixíndose a Santa Trega, o referiu Albina Pinheiro Marques, en nome da delegación poveira formada por homes e mulleres ataviados con traxes antigos da comunidade marítima poveira, solemnizando a ofrenda simbólica de unha cesta de navalleiras, para “a poxa dos froitos do mar e da terra”, o día 23 de setembro de 1991.
Por outra banda, como é costume na festividade de Santa Trega, os máis noviños que o rematar a eucaristía solemne se acheguen o alpendre a carón da ermida, serán agasallados con caramelos.
Regueifa
Logo dos actos relixiosos terán lugar as tradicionais poxas (maioritariamente peixe de coiro, marisco, cebolas, chourizas, empanadas, pementos, froitas, licores caseiros, sobremesas,...) no púlpito ao aire libre, que rematarán co sorteo dunha monumental tartade varios pisos - denominada regueifa -, que segundo se indica nas rifas que están a venda, contén “unha valiosa sorpresa”.
E como moitas das romerías tradicionais en Galicia, a xornada continuará co xantar popular no monte, e logo da sobremesa, tamén haberá tempo para á música popular e para o baile.
A ver se a climatoloxía nos é propicia, non soio para poder vivir a xornada do mellor xeito posible, senón para o pronóstico do tempo que teremos nos meses de Outono, xa que por esas datas, concretamente o mércores día 19, o venres día 21 e o sábado día 22 de setembro, son ás témporas de Outono.
Kyrie eleison...
Kyrie eleison...
Santa Trega, rogai a Deus por nós.
Deus ouvide a nós.
Con ese fragmento da antiga ladaíña que se canta na ermida de Santa Trega nos días xubilares e tamén na súa festividade, rematamos esta crónica, non sen antes convidar a tódolos romeiros do Antigo Concejo da Foz do Miño, formado polas sete parroquias de A Guarda e O Rosal, a demostrar seu respecto polo Patrimonio Histórico-Artístico Monumental do Monte Santa Trega. Dese xeito, todos contribuiremos a súa conservación para disfrute de toda á cidadanía.
Ningún comentario:
Publicar un comentario