16 de xuño de 2018

GOIÁN

GOIÁN RELEMBROU Á FIGURA ARTÍSTICA E HUMANA DO ESCULTOR XOÁN PIÑEIRO

· A homenaxe foi organizada pola Fundación X. Piñeiro


Camilo Camaño Xestido, na súa intervención o comezo do acto
Vista parcial das persoas que asistiron a homenaxe a Xoán Piñeiro Nogueira
Fotos: Infogauda

Ricardo Rodríguez Vicente / Goián

 Co gallo do XX aniversario da Fundación X. Piñeiro, e coa presenza de Carmen Álvarez Carrera, viuva de Xoán Piñeiro Nogueira, e presidenta do padroado da Fundación Xoán Piñeiro; e das fillas  Mª Cruz, Carmen Gloria, Belén e Marta Piñeiro Álvarez, e a súa vez, vogais do devandito padroado; outros familiares e amigos, a viuva e fillas do pintor Xavier Pousa Carrera; a alcaldesa de Tomiño, Sandra González Álvarez; escultores como Manuel García de Buciños, Magín Julio Picallo Durán, Xosé Antúnez Pousa, Xesús Vázquez González,..., entre outros artistas da comarca do Baixo Miño, veciños de Goián, Tomiño, A Guarda,...; asistiron "o acto público de lembranza a Xoán Piñeiro Nogueira co gallo da colocación dunha placa en bronce coa lenda sobre o seu percorrer por terras de Cangas, Vigo e Goián", que deu comezo o mediodía deste sábado 16 de xuño de 2018, no cemiterio veciñal de Goián.

 A devandita praca leva o seguinte texto:


X. Piñeiro
1920-1980

DO MORRAZO O LATEXO
DA RÍA DE VIGO
O MURMURIO PASENIÑO
E DO MIÑO O ACOUGO E O SOLPOR


 Convidados pola Fundación X. Piñeiro, tamén asistiron Anxo Angueira Viturro, presidente da Fundación Rosalía de Castro, de Padrón; Camilo Camaño Xestido, pintor, escultor e coleccionista, responsable da Casa Museo A Mangallona, de Coiro (Cangas do Morrazo); o escritor, crítico teatral e xornalista ourensán, Camilo Franco Iglesias; Francisco Álvarez Álvarez "Koki", poeta, escritor e xornalista de A Guarda; e Xosé Bieito Álvarez Lobariñas, ensinante, gaiteiro, músico e regueifeiro.

 Camilo Camaño sería quen abriría o turno de intervencións, para esbozar as orixes de Xoán Piñeiro Nogueira (Hío, Cangas, 1920 - O Porriño, 1980), e salientar súa etapa inicial, de escultura clásica galega, traballando a pedra do país, e súa posterior evolución artística, de deseño contemporáneo, cuxa proxección sen límites viuse truncada polo seu inesperado pasamento, o que nos impediu coñecer novas obras que ainda podería brindarnos senón fose por esa fatalidade.

 Como se lembrará, Xoán Piñeiro finou a causa de un tráxico accidente mortal de tráfego cando retornaba a súa vivenda, estudo e obradoiro de Goián, logo de asistir á apertura dunha exposición de Reinaldo Carrizo, na Galería Novecento, de Vigo.

 Camaño tamén fixo fincapé no vencello de X. Piñeiro co Morrazo, onde naceu, con Goián onde casou, traballou e viviu, co Baixo Miño que el tanto quería, con Portugal,...


Xosé Bieito Álvarez Lobariñas coa súa zanfona nunha das súas intervencións

 A continuación sería Xosé Bieito Álvarez Lobariñas, que coa súa zanfona interpretaría, nun primeiro intre, a "Marcha procesional de A Guarda", e posteriormente, tralas intervencións de Anxo Angueira e Francisco Álvarez - Koki, puxo voz e música cantando "María Soliña", "Foliada de Pontevedra" e "A Rosalía" (Letra: Curros Enríquez) - estes dous temas, coa compaña de Belén Piñeiro Álvarez, coas cunchas e o pandeiro, respectivamente -, rematando súa colaboura coa interpretación da cantiga "O Carro" (Letra: Manuel María).


Anxo Angueira, nunha das súas intervencións

 Anxo Angueira deu lectura a un poema de Rosalía de Castro, e posteriormente recitou de xeito moi persoal en canto á entoación, "Oda os mariñeiros de Cangas", de Bernardino Graña.


Francisco Álvarez - Koki nunha das súas intervencións

 Pola súa parte, Francisco Álvarez - Koki, recitou o poema "Elexía ó escultor Xoán Piñeiro" que o poeta de A Estivada (A Guarda), creara para á homenaxe póstuma que o Ministerio de Cultura lle tributara o escultor, e que posteriormente incluiu no seu poemario "Maís aló de Fisterre" (Deputación de Pontevedra, 1991).

 Intres despois Álvarez - Koki tivo unhas verbas de lembranza para seu padriño literario, Eliseo Alonso Rodríguez (Goián, 1 de marzo de 1924 - La Habana, 18 de novembro de 1996), e deseguido recitou, con moita emoción, un poema adicado o apreciado escritor, etnógrafo, poeta e xornalista goianés.

 Koki rematou súa participación recitando outro poema, adicado o recoñecido pintor Xavier Pousa Carrera (Goián, 1931 - Vigo, 8 de decembro de 2001).


Carmen Álvarez Carrera lendo o texto da homilía que o P. Seixas lle adicara a X. Piñeiro

 No tramo final da homenaxe, a viuda de Xoán Piñeiro, deu lectura o texto da homilía pronunciada polo P. Seixas (S. X.), na misa funeral oficiada o día do enterro do escultor, e que posteriormente o insigne crego galeguista lle facilitou a familia de X. Piñeiro.

 E a continuación, unha das fillas agradeceu, en nome de toda a familia do escultor, á participación das persoas que asistirán a este acto en lembranza de Xoán Piñeiro.

 Esta homenaxe o escultor Xoán Piñeiro Nogueira, constituiu un mágnifico xeito de manter viva súa lembranza como home, como artista galego de renome e como persoa de ben.

GALERÍA DE IMAXES 

Ningún comentario:

Publicar un comentario