25 de maio de 2018

TUI

TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO PAC ANTE A CATÁSTROFE DE TUI DO 23 DE MAIO DE 2018: 

“SOMOS OS PRIMEIROS EN CHEGAR”

 O mércores pola tarde estoupou unha pirotecnia ilegal situada no concello de Tui. Nestes casos créase unha alerta a través dos servizos de emerxencia que obriga a numerosos traballadores/as a acudir ao punto do sinistro: bombeiros, sanitarios, técnicos/as de emerxencias, etc. Pola situación a características do traballo que desenvolvemos, os primeiros en chegar adoitamos ser os sanitarios do PAC, e onte non foi unha excepción.

 Asistir a unha catástrofe destas características exixe unha preparación e uns medios moi concretos dos que carecemos. Sóbranos a nosa vontade. Fáltanos equipos de protección individual apropiados e equivalentes aos do resto de traballadoras/es de emerxencioas e formación continua en emerxencias e catástrofes específica. Porén, e sabendo que moitas veces o que poñemos é en risco a nosa propia vida, como aconteceu onte na explosión de Tui, nunca nos negamos a acudir e traballar onde nos reclamaron a asistencia.

 Como traballadoras/es levamos desde o mes de febreiro negociando coa Conselleria de Sanidade unha serie de reivindicacións dirixidas na maior parte a poder ofrecer á poboación un servizo sanitario de máxima calidade e cumprindo cos criterios de seguridade tanto para os doentes como para os traballadores/as que os atenden. Entre outras cousas solicitamos horas de formación, dietas que nos permitan facer duas comidas nas gardas de 24 horas ou equipos de protección individual para todos os traballadores/as, fixos/as ou eventuais, que exerzan a sua labor no PAC. As negociacións estanse alongando no tempo e non vemos moito interese por parte da Administración en avanzar.

 O persoal sanitario dos PAC´s somos profesionais na maior parte dos casos con moita experiencia e boa vontade. Somos os primeiros/as en chegar e os únicos/as que continuamos traballando cando todo termina porque a nosa labor desenvolvese simultaneamente dentro e fóra do noso centro, a calquera hora e todos os días do ano. Ainda así, seguimos sendo os grandes esquecidos/as, ninguneados por unha Administración que nos nega o mais básico para que poidamos seguir realizando o noso traballo como queremos: con seguridade e calidade.

 Elisa Ausín Rodríguez, Carlos Gabián Pereira, Pilar RodrÍguez Perez e José Chamorro Comesaña.

 Sanitarios de PAC da EOXI de Vigo 
 En nome de PACS en Pé de Guerra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario