‘De Gres a Cádiz’ reúne lembranzas inéditas de Xosé Neira Vilas
O secretario xeral de Política Lingüística participou este serán na presentación deste volume póstumo de memorias do período 1928 a 1949
Xosé Neira Vilas nunha das súas estadías en Camposancos, en xullo de 2005
Foto: Arquivo Infogauda
Infogauda / Santiago de Compostela
O auditorio Neira Vilas da Cidade da Cultura de Galicia foi escenario este serán da presentación do libro De Gres a Cádiz, obra póstuma do escritor que lle dá nome. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou no acto a canda Luis Reimóndez, presidente da Fundación Neira Vilas; Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia, e Dolores Vilavedra, profesora da Universidade de Santiago e editora do volume.
Valentín García saudou a publicación “destas prosas inéditas do autor máis lido de toda a literatura galega, unha literatura que é hoxe rica e vital grazas a escritores que, como Pepe Neira, publicaron en galego en tempos en que isto era un auténtico exercicio de compromiso coa lingua propia”. O secretario xeral destacou que as prosas de De Gres a Cádiz “non só son parte das memorias de Neira Vilas, senón que tamén son memoria e historia de moitos galegos e galegas, porque, se algo sabía facer Pepe era conectar a súa experiencia persoal coa colectiva e narrar, baseándose nas súas vivencias persoais, as de toda unha xeración”.
Memorias literarias de 1928 a 1949
De Gres a Cádiz, editado pola profesora Dolores Vilavedra e publicado por Galaxia, reúne nas súas páxinas 91 estampas en que Xosé Neira Vilas recolle diferentes lembranzas e vivencias sucedidas entre o ano do seu nacemento en Gres, 1928, e o ano en que embarcou en Cádiz con rumbo a América, 1949. A pesar de que o seu autor comezara a escribilas en 1996, permaneceran inéditas ata hoxe.
Deste xeito, De Gres a Cádiz, que o propio Neira Vilas definiu como unhas “memorias literarias”, complementa outros volumes en que o mesmo autor repasa outros períodos da súa vida: Neira Vilas. Os anos da Arxentina. 1949-1961 (Galaxia, 2008), Días de Cuba (Galaxia, 2014), Vinte anos retornando (Xerais, 2006) e Penúltimo dietario (Xerais, 2011).
Un escritor multigalardonado
Xosé Neira Vilas (Gres-Vila de Cruces, 1928-2015) foi membro numerario da Real Academia Galega, Doutor Honoris Causa polas universidades da Coruña e da Habana e Fillo predilecto do Concello de Vila de Cruces. Entroutros galardóns recibiu a Medalla Castelao, o Premio Laxeiro, o Pedrón de Honra, o Premio Trasalba, o Premio da Crítica Española (novela en galego) e da Crítica Galega (ensaio) ou o Premio da Cultura Galega da Xunta de Galicia. É, sen dúbida, un dos escritores clásicos da literatura galega na que destaca como autor inaugural da nosa literatura infantil e xuvenil coa obra Memorias dun neno labrego, a máis reeditada e traducida de toda a historia da literatura galega.
Ningún comentario:
Publicar un comentario