25 de maio de 2018

MADRID

A conferenciante é presidenta da Sociedade Española de Hematología e Oncoloxía Pediátrica e nova directiva de Asomega

A DOUTORA OURENSÁ ANA FERNÁNDEZ-TEIJEIRO DISERTOU HOXE NA DELEGACIÓN DA XUNTA EN MADRID/CASA DE GALICIA SOBRE OS RETOS DO CANCRO EN NENOS E ADOLESCENTES EN ESPAÑA

Ramón Jiménez presentou o acto, en presenza dos seus protagonistas
Fotos: Casa de Galicia


Infogauda / Madrid

 A doutora ourensá Ana Fernández-Teijeiro, presidenta da Sociedade Española de Hematología e Oncoloxía Pediátrica (SEHOP) ofreceu onte na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia a conferencia “Retos actuais do cancro en nenos e adolescentes en España”, enmarcada no ciclo de conferencias “Medicina e Humanidades”, que desenvolve a Asociación de Médicos Galegos (Asomega) e dirixe e coordina o seu presidente, o doutor Julio Ancochea.

 Interviñeron no acto, ademais da conferenciante, o doutor Ancochea, o doutor Miguel Carrero, presidente de Previsión Sanitaria Nacional, organización patrocinadora do ciclo, e o coordinador de Actividades da Casa, Ramón Jiménez, quen dió a benvida aos participantes e presentou o acto en representación do delegado da Xunta e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega.

 Ancochea presentou á conferenciante, sinalando que Fernández-Teijeiro forma parte da Xunta Directiva de Asomega desde o pasado 3 de maio. “Ana Fernández- Teijeiro, natural de Pobra de Trives (Ourense) é Xefe de Sección de Onco-Hematología Pediátrica do Hospital Universitario Virgen Macarena (Sevilla) e, desde maio de 2016, presidente da Sociedade Española de Hematología e Oncoloxía Pediátrica”, ilustrou.



“As neoplasias malignas pediátricas presentan unha incidencia de 15 novos casos ao ano por cada millón de nenos menores de 14 anos, destacando as leucemias, os tumores do sistema nervioso central, os linfomas e os tumores da crista neutral. O Rexistro Español de Tumores Infantís mostra un incremento progresivo das posibilidades de curación dos nenos e adolescentes con cancro en España, aínda que deben mellorarse estas taxas de curación e mellorar a súa calidade de vida, reducindo os efectos secundarios da medicación”, adiantou o presidente de Asomega.

 Carrero declarou a súa admiración xeral por quen exerce a Medicina con humanidade e dedicación e, especialmente, polos que se dedican á atención de nenos con enfermidades oncolóxicas, de sufrimento.

 Fernández-Teijeiro explicou, entre outros asuntos, que “o cancro constitúe a segunda causa de morte en nenos e a primeira por enfermidade, e apenas supón o 2% dos casos de cancro”, que rexistran o 98% restante en adultos. “Os tumores malignos máis frecuentes nos nenos menores de 14 anos segundo a súa localización son: leucemia (30%), tumores do sistema nervioso central ( SNC) (20%), linfomas (15%) e tumores de crista neural (10%)”, precisou.


 Ademais, desenvolveu os retos que a SEHOP afronta na actualidade e para os próximos anos para mellorar a supervivencia dos nenos e adolescentes con cancro, que concretou en seis: mellorar o diagnóstico precoz mediante a divulgación de guías e actividades de formación continuada para os pediatras de primaria; atención aos adolescentes en unidades/camas diferenciadas, que posibiliten a atención transversal, compartida, entre os especialistas pediátricos e de adultos; establecemento de redes entre hospitais que permitan o acceso aos ensaios clínicos fase III; creación e desenvolvemento das unidades de referencia acreditadas polo Ministerio de Sanidade para tumores e procedementos de especial complexidade; mellorar o acceso a ensaios clínicos fase I-II e desenvolvemento do “pasaporte do sobrevivente” telemático.

Ningún comentario:

Publicar un comentario