María Araújo, Marta Bobo, Melania Rodríguez ou Atlético Guardés serán premios Deporte Feminino Galego 2017
Os premios serán entregados no transcurso dunha gala, que se celebrará en Vigo, organizada pola Deputación de Pontevedra
Reunión do xurado
Foto: D. P.
Fonte: Deputación de Pontevedra
María Pérez Araújo, Marta Bobo, Melania Rodríguez ou Susana Rodríguez son algunhas das protagonistas da Gala do Deporte Feminino Galego, que se celebrará o próximo día 21 de xuño en Vigo. No transcurso deste evento, organizado pola Deputación Provincial de Pontevedra, procederemos a entrega dos VI Premios do Deporte Feminino Galego, correspondentes ao ano 2017, convocados por Mulleres Deportistas Galegas (Mudegá).
A cita é o 21 de xuño (20:00 horas) no Teatro Afundación de Vigo (antiguo García Barbón). Con estes premios, Mulleres Deportistas Galegas (Mudegá) busca lograr que os éxitos do deporte feminino, moitas veces esquecidos, sexan recoñecidos pola sociedade.
O pasado martes 22 de maio reuniuse o xurado (formado por representantes de federacións deportivas, do CGTD, xornalistas, deportistas, Deputación Provincial e a propia asociación Mudegá) para estudar as candidaturas presentadas tanto por federacións coma clubs ou persoas a nivel particular. De destacar as magníficas candidaturas presentadas que fixeron moi complicado o traballo do xurado, que tiña que elixir entre medallistas mundiais e europeas, olímpicas, directivas cunha espectacular traxectoria, clubs cunha longa historia, xente nova que está a destacar...
Así, a xogadora de baloncesto María Araújo foi elixida como mellor deportista galega do 2017, nun ano máxico para ela no que fixo unha magnífica tempada co Universitario de Ferrol e ademais acadou con España o Campionato Europeo sub 20 e foi elixida membro do quinteto ideal e mellor xogadora do torneo (MVP). Ademais, a ximnasta Melania Rodríguez –campioa do mundo júnior de doble minitramp- recibirá o galardón de mellor deportista promesa do ano; mentres que a mítica ximnasta de rítmica Marta Bobó será premiada pola súa espectacular traxectoria deportiva. Susana Rodríguez Gacio volve vencer na categoría de deportista con diversidade funcional, ao proclamarse subcampioa do Mundo de paratríatlon en Rotterdam e tamén no Europeo.
O Atlético Guardés, primeiro club galego que logrou o título de Liga na máxima categoría do balonmán feminino español, recibirá o premio ao mellor equipo, mentres que o Halterofilia Coruña será o mellor club nun ano redondo xa que gañou en todas as categorías nas que se celebran campionatos de España por clubs femininos e tamén con participación en todas as competicións internacionais (excepto Europeo sub 15, ao que España non asistiu por motivos políticos ao celebrarse en Kosovo).
Na categoría de adestradora o premio será ex aequo para a seleccionadora galega da modalidade de técnica da Federación Galega de Taekwondo, Noelia Pérez, e para a adestradora ourensá Isaura Hermida, que leva dende o ano 1986 traballando na ximnasia e acadando grandes resultados. Ademais, Zulema González (primeira árbitra galega de Terceira División e árbitra da primeira categoría do fútbol feminino) é a mellor árbitra do ano 2017. Carmen Barro, presidenta da Federación Galega de Kárate dende 2009, foi recoñecida como mellor directiva do ano.
O premio "xornalista polo deporte feminino" foi o xornalista Antonio López, da Radio Galega, polo seu programa Galicia en Toquio, adicado as e aos deportistas galegos con opcións de clasificarse para os Xogos, e nos que teñen cabida en igualade de condicións as deportistas galegas. O premio para a entidade privada máis colaboradora é para Maquinaria Durán, patrocinadora nos once últimos anos do Ensino Lugo de baloncesto, mentres que o premio para a entidade pública foi para o Concello de Pontevedra, pola súa aposta polo deporte en igualdade. Na iniciativa a prol do deporte tamén houbo dous premios ex aequo: Para o Grupo de Estudos de Xénero da Actividade Física e do Deporte do INEF da Coruña, que leva nove anos traballando no ámbito deportivo cunha perspectiva de xénero e para o programa O Xénero nos Ollos desenvolvido polas profesoras da Universidade de Vigo Ana Rey Cao e Alba González Palomares. É unha actividade destinada a alumnado a partir de dez anos coa que se pretende dar "estratexias para educar con (e pese ás) fotografías dos materiais curriculares".
No transcurso da gala, tamén se entregará unha mención especial, que será para a atleta Julia Vaquero (dúas veces subcampioa de Europa de cross e novena nos 10.000 metros lisos Xogos Olímpicos de Atlanta).
Ningún comentario:
Publicar un comentario