23 de abr. de 2018

A GUARDA

Aberto o prazo de inscrición no curso  de escaparatismo de «Eu Rural» na Guarda  

O curso, dirixido a persoas emprendedoras e comerciantes do GDR 14, impartirase na Guarda nos meses de maio e xuño.  


 Sara Alonso / A Guarda

 O programa «O ben feito, ben parece» promovido pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste «Eu Rural» comezará o seu itinerario formativo na Guarda o vindeiro mes de maio, co obxectivo de axudar a crecer e mellorar ao comercio local.  

 O curso destínase aos comerciantes e emprendedores do Grupo de Desenvolvemento Rural(GDR) 14 que desexen adquirir coñecementos sobre escaparatismo, presentación de produtos, paquetería comercial e visual merchandising. Nesta liña, o itinerario formativo busca aportar e ampliar os coñecementos relacionados coa venda entre as persoas emprendedoras do rural e o comercio local xa existente, facéndoos máis competitivos e atractivos para o consumidor.  


 A formación impartirase na Casa de Oficios da Guarda os días 23, 24, 25, 30 e 31 de maio e 1, 6, 7 e 8 de xuño entre as 16:30 e as 20:30 horas. Poderá participar calquera persoa que resida do territorio do GDR 14 (A Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Porriño, Redondela, O Rosal, Tomiño e Tui), independentemente de que o concello no que resida non dispoña do curso. Así, as persoas interesadas deberán anotarse a través da páxina web da asociación, cumprimentando o formulario de inscrición.  

 A participación no curso «O ben feito, ben parece» é gratuíta. O itinerario formativo continuará nos concellos de Nigrán, Tomiño e Mos con formacións a impartir entre setembro de 2017 e maio de 2018. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario