24 de abr. de 2018

DEPORTES

FÚTBOL

O Xuvenil ‘A’ da A.D. Tomiño gaña a liga e ascende a liga galega

Tamén os Infantís e os Cadetes poderían ascender nunha temporada para enmarcar  


Gonzalo Lomba / Tomiño

 O sábado, en torno ás 21:30, a A.D. Tomiño ao completo estalou de alegría: os Xuvenís ‘A’ culminaban a tempada gañando a liga no campo do seu máis próximo perseguidor e certificaban, a falta dunha xornada para rematar a competición, o seu ascenso directo a liga galega.  

 Un ascenso que algunhas voces do club non dubidan en cualificar de histórico. Fai soamente dúas tempadas, os Xuvenís da A.D. Tomiño ascendían á Primeira Autonómica; a pasada campaña, o equipo mantíñase na categoría e, no sprint final incluso insinuaba que estaba para máis cousas, e este ano, cedendo soamente dúas derrotas ata o momento, proclámanse campións logrando o ascenso de forma directa. 

 Chegaban os rapaces adestrados por Merino e Bojan como líderes ao encontro decisivo pero, vista dende fora, a empresa no parecía sinxela: visitaban a un Gondomar F.B. que, tras nove vitorias consecutivas, convertérase nun rival temible que aspiraba ao título sen ningún tipo de reservas e que xa gañara no partido de ida na Carballa. Pero, dende dentro, o equipo tomiñés tíñao claro: eran os líderes e non ían deixar que lles arrebatasen a posición de honra. E así, o sábado nas Cercas, logo dunhas xornadas con algunhas dúbidas, os de vermello sacaron o seu arsenal de fútbol e fixéronse coas rendas do encontro dende os primeiros momentos para non soltalas ata certificar unha vitoria que os coroa como os mellores da súa liga.  

 Dende a A.D. Tomiño quere recalcarse que este gran logro para o fútbol base tomiñés é un éxito colectivo cuns protagonistas principais: os xogadores, que durante toda a tempada mostraron o compromiso imprescindible para as grandes vitorias e o corpo técnico que coa súa ambición e traballo diario lograron que o imaxinado fose real e que este equipo tivera cara de campión dende o primeiro día. 

 Pero o mérito tamén se reparte cos xogadores e adestradores que nos anos anteriores fixeron que os Xuvenís chegasen a esta tempada en disposición de ascender a Liga Galega; con todos os membros do corpo técnico que, seguindo unha mesma filosofía, foron formando aos rapaces que hoxe protagonizan o éxito; e cos membros do equipo directivo que facilitaron que o esforzo de todos se plasme onde é máis importante: no terreo de xogo.  

 Hoxe na A.D. Tomiño celébrase este gran ascenso e tamén, a gran temporada que de todos os equipos do club: os Cadetes están en disposición de disputar a fase de ascenso só unha temporada despois de chegar a primeira autonómica; os Infantís poden proclamarse campións e ascender a próxima xornada; e, en todo o fútbol 8 os resultados son bos pero máis o é a aprendizaxe de todos os xogadores e xogadoras que forman parte dun club que ségue crecendo ano a ano.

Ningún comentario:

Publicar un comentario