A GUARDA CAPITAL DO CAMPISMO IBÉRICO
Máis de 600 campistas de toda España e Portugal visitan A Guarda durante esta Semana Santa
Os visitantes realizarán visitas guiadas pola desembocadura do Miño, o Monte Santa Trega e o casco urbano da vila
Onte pola mañá, algúns dos campistas xa tiveron oportunidade de percorrer a desembocadura do río Miño nunha ruta de sendeirismo acompañados por un guía turístico.
Foto: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
Un total de 649 persoas procedentes de tódalas Comunidades Autónomas españolas e Portugal están estes días a gozar das súas vacacións de Semana Santa no Camping Santa Tecla, en Salcidos (A Guarda), no marco da 60ª Acampada Nacional da Federación Española de Clubs Campistas (FECC).
O encontro, organizado polo Camping Caravaning Club de Galicia-Vigo, permite aos visitantes coñecer os atractivos turísticos e culturais da nosa vila. Así, onte pola mañá, algúns dos campistas xa tiveron oportunidade de percorrer a desembocadura do río Miño nunha ruta de sendeirismo acompañados por un guía turístico. Estas visitas guiadas, ofrecidas polo Concello da Guarda, continuarán ata o mércores con percorridos polo Monte Santa Trega e o casco urbano, incluíndo a Fortaleza de Santa Cruz e o Porto pesqueiro.
Tras estes primeiros días de actividade turística, o xoves chegará a quenda da verdadeira convivencia no entorno do Camping, onde todos e todas as campistas gozarán dun amplo programa de xogos, festas infantís e degustación de produtos típicos.
Entre as actividades programadas, destaca a celebración do desfile de traxes rexionais deste xoves. A partir das 11:00 horas, os participantes nesta 60ª edición do encontro campista nacional percorrerán as rúas guardesas (dende a Alameda) amosando a vestimenta típica de cada unhas das Comunidades Autónomas. O desfile rematará no Auditorio de San Bieito, coa inauguración oficial da acampada e a recepción dos campistas na Guarda.
Respecto do desfile de traxes rexionais programado para este xoves ás 11:00 h, desde o Concello informan que en caso de choiva, a mostra de traxes e a inauguración da acampada realizaranse na Casa dos Alonso, na Praza do Reló.
Respecto do desfile de traxes rexionais programado para este xoves ás 11:00 h, desde o Concello informan que en caso de choiva, a mostra de traxes e a inauguración da acampada realizaranse na Casa dos Alonso, na Praza do Reló.
Ningún comentario:
Publicar un comentario