26 de mar. de 2018

OIA

Últimos días para inscribirse na andaina pola Ruta Máxica de Oia 


Patricia Muñoz Raña / Oia 

 A Asociación Costa dos Castros xunto co Concello de Oia organizan esta Semana Santa unha andaina pola Ruta Máxica e unha visita guiada polo barrio do Arrabal, dúas actividades que teñen o obxectivo de dar a coñecer o patrimonio do municipio e promover o turismo cultural. A actividade de sendeirismo se desenvolverá o venres día 30 e o prazo para inscribirse remata este mércores  ás 14.00 horas. 

 A andaina pola Ruta Máxica (18 km, dificultade baixa) percorrerá puntos de interese como os petróglifos da Pedreira e A Pousadela, o bosque das Sobreiras do Faro e o castro da Cabeciña. Sairá as 10.00 horas e o traxecto é lineal (o punto de inicio non coincide co final). Polo camiño faranse paradas para contemplar os diferentes puntos de interese e para o xantar (cada participante deberá levar a súa comida).  

 A actividade de sendeirismo pola Ruta Máxica de Oia é gratuíta, pero é preciso inscribirse (nome, apelidos e DNI no número de teléfono 689.35.57.13 ou ben no correo electrónico costadoscastros@gmail.com). O prazo para apuntarse permanecerá aberto ata o mércores 28 de marzo ás 14.00 horas. 

 Visita guiada ao barrio do Arrabal 

 Por outra banda, o sábado 31 de marzo está programada unha visita guiada polo barrio do Arrabal (contorna do Mosteiro de Oia) que sairá ás 12.00 horas do exterior da Oficina de Turismo. A actividade é gratuíta e non require inscrición.   

 Máis información sobre as actividades, horarios, localizacións dos puntos de encontro, etc., premendo eiquí.

Ningún comentario:

Publicar un comentario