1 de feb. de 2018

TOMIÑO / VILA NOVA DE CERVEIRA

OITO PROPOSTAS PARA A NOVA PONTE PEONIL ENTRE TOMIÑO E CERVEIRA, ELIMINADAS POLO XURADO DO CONCURSO DE IDEAS 

O deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez anuncia que xa hai deseños favoritos e que os tres finalistas se decidirán neste mes 

Xurado do concurso de ideas do deseño da nova ponte peonil sobre o Miño entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira
Foto: D. P.

Infogauda / Tomiño / Vila Nova de Cerveira

 Unha reunión de tres horas e media serviu para que o xurado do concurso de ideas do deseño da nova ponte peonil sobre o Miño entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira eliminara oito das 24 propostas. Os deseños rexeitados non acadaron a puntuación mínima (50 puntos) en relación a aspectos como mobilidade sustentable e accesible, ao tratamento do medio, patrimonio, ou á navegabilidade do río, ou ben tiñan unha execución non viable.   

 O deputado provincial de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez –impulsor da iniciativa- subliñou que será necesaria unha nova reunión do comité de valoración para escoller os tres deseños finalistas entre os 16 restantes. Destacou a dificultade de facer unha criba entre as propostas, que cualificou de “grande calidade e complexidade”, e indicou que xa se van marcando algunhas favoritas, polo que o máis probable será queas tres mellores e a de reserva se poidan facer públicas neste mes.  

 Benítez indicou que o concello de Tomiño e a cámara de Vilanova de Cerveira, da man da Deputación de Pontevedra, teñen unha idea “innovadora” que consiste en crear un espazo público urbano -un europarque- en dous países para ser xestionado de xeito común. “Iso implica que hai que unir fisicamente o actual espazo fortaleza en Tomiño co parque do Castelinho a través dunha pasarela peonil. Hai moi poucos exemplos en toda Europa onde se poida estar nun parque situado en dous países e iso merece que o elemento de unión, a ponte peonil, se elixa a través dun concurso de ideas internacional como o que estamos a desenvolver, para que o deseño sexa o máis innovador, respectuoso e atractivo posible”, dixo.   

 O deputado nacionalista explicou que xa houbo varias reunións do xurado e unha visita ‘in situ’ ás ribeiras de Tomiño e Cerveira entre as que se vai instalar o viaduto. Incluso se fixoun paseo en barco para poder entender e visualizar a futura ponte. “Os dous parques actuais teñen unha separación de 180 metros a través do río, no punto máis estreito do Miño de Tui para abaixo, ea  propia natureza pide que haxa ese encontro que promovemos. De feito, na visita todos os membros do xurado e o comité asesor visualizaron a necesidade de que se unan os dous países e se cree este parque único urbano”, insistiu Benítez. 

Corazón das sendas do río Miño 

O  futuro europarque Castelinho-Fortaleza será un espazo libre de coches e de todo tipo de tráfico rodado de máis demáis de 80.000 metros cadrados que une a rede de sendeiros que xa están construídos á beira do Miño. “Este europarque vai ser como ese corazón do que saen as veas e as arterias, as sendas xa feitas á beira do río tanto en Portugal, ata Caminha ou Valença, como enTomiño, con conexións ata A Guarda e á outra ponte internacional. Estas sendas permiten gozar do Miño, dese gran elemento físico que ten unha paisaxe e uns valores ambientais enormes e que queremos potenciar”, salientou.  

 “Pola mala sorte de ser fronteira sempre se entendeu que o río separaba, e o que queremos con este tipo de iniciativas é que se vexa que o río Miño pode ser o centro de algo realmente interesante e que poida situar a esta zona no mapa, sabendo que está entre Vigo e Oporto, con moitas persoas transitando, e sendo un grande elemento de atracción turística, que é o importante”, finalizou.  

 Como xa se indicou, a redacción do deseño da nova ponte peonil e ciclista sobre o Miño está encadrada no proxecto VISIT_RIO_MINHO presentado ao Interreg V-A nunha candidatura conxunta liderada pola Deputación de Pontevedra coa CIM Alto Minho, os concellos do norte de Portugal, a Fundación CEER, o Centro Tecnolóxico do Mar e a Universidade de Vigo, que tivo un cofinanciamento do 75% de fondos europeos dun orzamento de dous millóns de euros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario