17 de xan. de 2018

LABORAL

As mobilizacións do persoal de Maderas Iglesias forzan a intervención da Xunta de Galicia

Segundo afirma á CIG, a Consellaría, que descoñecía a situación real da empresa do Porriño, contactará finalmente coa dirección

O persoal de Maderas Iglesias lévase mobilizado pola defensa dos postos de traballo
Foto: CIG

Infogauda / O Porriño

 Nunha análise crítica sobor da situación pola que atravesa o persoal de Maderas Iglesias, que afecta a 200 familias de Salvaterra do Miño, O Porriño, Mos, Ponteareas e Vigo,  á CIG-Construción  salienta que fixeron falta numerosas mobilizacións e xestións institucionais en Concellos, Xunta e Parlamento galego para que a Consellaría de Economía, Emprego e Industria se comprometese finalmente a intervir no conflito laboral de Maderas Iglesias, empresa do Porriño dedicada á fabricación de tarima flotante que se atopa en perigo de liquidación a causa da grave situación económica que atravesa.  

 Desde á central sindical afirman que o departamento autonómico comprometeuse co comité de empresa a contactar coa dirección da compañía e cos seus acredores para intentar buscar unha saída que garanta a súa viabilidade e o mantemento de todos os postos de traballo, tal e como lle trasladou a representación do cadro de persoal na xuntanza mantida na tarde deste martes en Santiago. Neste senso, o presidente do comité de Maderas Iglesias, Vicente Molares, da CIG, reitera que seguimos a pensar que a empresa é viábel co actual número de traballadoras/es”.  

 Polo tanto, a representación sindical continúa a rexeitar o ERE extintivo para 140 das 249 empregadas/os que a dirección puxo enriba da mesa. “Pretenden ademais, tal e como nos trasladaron na xuntanza deste pasado venres, pagar as indemnizacións por despido en 24 mensualidades”, critica Molares.

 Inoperancia da Consellería  

 Ademais, dende a CIG-Construción lamentan que a Consellaría non coñecese a realidade da empresa, “tal e como quedou claro polos datos que saíron a relucir durante a xuntanza”, a pesar de que hai varios meses que se aprobou por unanimidade no Parlamento de Galicia unha proposición non de lei na que se alertaba sobre a situación da empresa e se instaba a Xunta a facer xestións para frear a destrución de emprego, garantir os dereitos laborais e procurar a viabilidade e continuidade de Maderas Iglesias.  

 Por iso amosan a súa satisfacción polo feito de que a a reunión servise tamén para que o departamento autonómico puidese saber en que situación se atopa realmente a compañía, ao tempo que critican a “inoperencia” amosada neste tempo pola Consellería. Finalmente, dende o comité de empresa agardan que o departamento autonómico convoque proximamente unha nova xuntanza para informarlles das xestións realizadas “xa que cada vez queda menos tempo para intentar salvar a empresa”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario