18 de nov. de 2017

TURISMO

A Deputación de Pontevedra impulsa un proxecto para dotar de wifi de balde aos concellos polos que transcorren as rutas do Camiño de Santiago 

Carmela Silva anunciou que na reunión da Mesa do Camiño informarán "deste proxecto novidoso, imprescindible e unha aposta pola innovación"

Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra
Foto: D. P.


Infogauda / Pontevedra

 A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou que a institución provincial impulsará o "Proxecto Wifi", unha iniciativa que cualificou de "novidosa e imprescindible" e coma "unha mostra máis de que apostamos pola innovación e por poñer á disposición dos concellos recursos que permitan ter grandes proxectos e prestar grandes servizos." A través deste proxecto os pequenos concellos polos que transcorren as rutas do Camiño de Santiago que pasan pola provincia de Pontevedra poidan ofrecer wifi de balde nos espazos públicos aos peregrinos e peregrinas e ás veciñas e veciños. Carmela Silva explicou que "ata o de agora xa contamos cos concellos de Caldas de Reis, Barro, Mos, Silleda, Rodeiro e Baiona e estamos pendentes dalgún máis que se vai a incorporar."  

 Carmela Silva recordou que "para un pequeno concello moitas veces presentar unha candidatura a un proxecto europeo é inasumible polo que entendemos que desde a Deputación tiñamos que seguir sendo útiles e sendo os coordinadores dunha iniciativa que serve para dar resposta a unha necesidade e demanda común como é a mellora do acceso ás TICS no Camiño e no que a subvención europea cubre ata o 100% dos custes de execución do proxecto e os concellos só terán que asumir durante tres anos os custes do servizo da compañía coa que contraten."  

 Silva tamén informou que o vindeiro luns 27 de novembro celebrarase a segunda sesión ordinaria do 2017 da Mesa do Camiño, onde ademais de informar do "proxecto WIFI" falarase do "Fair Way" e especialmente das peticións trasladadas ao Ministerio de Fomento sobre distintos puntos negros detectados no Camiño Portugués.  

 En relación ás problemáticas de seguridade, a presidenta da Deputación de Pontevedra explicou que "o Ministerio de Fomento contestou a nosa petición o pasado mes de outubro informando de que están desde o ano 2016 a redactar proxectos en varios tramos da N-551  en Tui no enlace da A-52 no termo municipal de Mos e non nos informou dos proxectos nin da dispoñibilidade presupostaria para o punto negro da N-550 en Alba ou no núcleo de Briallos xusto no entorno do Parque Natural Barosa en Barro. Tampouco temos retorno da reiterada demanda do alcalde de Caldas de Reis para rehabilitar a emblemática ponte pola que este ano xa pasaron máis de 50.000 peregrinos e peregrinas."  Ante esta situación, Carmela Silva reclamou que "xa non se pode demorar máis a resposta a estas demandas solicitadas polos alcaldes e alcaldesas na Mesa do Camiño ante a directora xeral de Turismo, pois os proxectos teñen que ser unha realidade canto antes se queremos ter unha ruta seguro de cara ao Xacobeo 2021." En relación aos compromisos que ten a Deputación de Pontevedra nos viais provinciais xa está preparado un proxecto para unha senda no tramo Curro-Portela da EP-0508 coa fin de evitar que os peregrinos e peregrinas transiten polo beiravía.  

 Ademais, Carmela Silva fixo balance da presencia da Deputación de Pontevedra na Feira Internacional do Camiño "Fair Way", no que participaron touroperadores nacionais e internacionais, prensa especializada e institucións de España e norte de Portugal  relacionadas co Camiño de Santiago. Neste evento, a institución provincial contou cun stand propio de promoción das 5 rutas oficiais que transcorren pola provincia de Pontevedra (Portugués, Portugués pola Costa, Vía da Plata, Camiño de Inverno e Río Ulla-Mar de Arousa) e realizou unha presentación do potencial do Camiño na provincia e das singularidades turísticas das rutas, dirixida á prensa especializada e ao sector privado maiorista especializado no Camiño.  

 En relación a estas dúas accións, a presidenta da Deputación de Pontevedra mostrouse moi satisfeita dos resultados acadados e con respecto á participación no workshop que se realizou no marco da feira Silva salientou que "30 empresas asistiron baixo o paraugas da Deputación de Pontevedra e 12 delas pecharon acordos comerciais." A Presidenta tamén destacou que "tivemos preacordos de promoción e posta en valor do Camiño con Correos, a Cámara de Viana do Castelo e Paradores, que serán tres instrumentos máis que teremos para promover os nosos camiños, e establecemos contactos con 30 touroperadores estranxeiros de Italia, Xapón, EE. UU, Canadá, Portugal e Arxentina que recadaron información de recursos asociados ao Camiño de Santiago como o termalismo, a ruta da camelia e o turismo náutico." Carmela Silva rematou cualificando de sobresaínte o traballo da Deputación de Pontevedra no evento internacional e recalcando que "temos unhas rutas que experimentaron un notable incremento neste último ano, nomeadamente o Camiño Portugués que multiplicou por 8 a súa afluencia nos últimos dez anos."

Ningún comentario:

Publicar un comentario