23 de ago. de 2017

SOBRADA (TOMIÑO)

O conselleiro de Educación visita as obras de ampliación do CEIP de Sobrada 

Coa creación de tres novas aulas de infantil lograrase integrar á totalidade do alumnado deste centro no edificio principal e evítase que o alumnado máis novo teña que cruzar a estrada próxima ao centro

A Xunta de Galicia inviste nesta actuación un total de 220.595,14 euros

O conselleiro estivo acompañado na visita, entre outros, da alcaldesa de Tomiño, Sandra González Álvarez, do delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e do xefe territorial da consellería na provincia, César Pérez Ares.  

Infogauda / Sobrada (Tomiño)

 O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou esta mañá o CEIP de Sobrada, no concello pontevedrés de Tomiño, onde a Xunta de Galicia está a realizar obras de ampliación para integrar á totalidade do alumnado nun único edificio. A intervención supón un investimento total de 220.595,14 euros, realizado en 2016 e 2017 e está previsto que conclúa ao longo do mes de setembro. 

 Para acadar esta integración, créanse tres unidades de aulas de infantil e un espazo de psicomotricidade, pechando o patio cuberto e habilitando novos espazos docentes. Até o momento as aulas de infantil situábanse nun edificio próximo e menos moderno, sito ao outro lado da estrada. 

 O conselleiro explicou que con esta actuación dáse “resposta a unha importante demanda da comunidade educativa” relacionada coa integración da totalidade do alumnado no colexio grande e, a maiores, co incremento da seguridade do alumnado máis novo, ao evitar que o alumnado do ciclo de Infantil teña que cruzar a estrada.  O conselleiro estivo acompañado na visita, entre outros, da alcaldesa de Tomiño, Sandra González Álvarez, do delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e do xefe territorial da consellería na provincia, César Pérez Ares.  

Distribución do edificio e novos accesos  

 O colexio distribúese en dous volumes rectangulares, un de grandes dimensións en dous plantas, no que se sitúa a meirande parte dos servizos do centro, e un volume menor, na actualidade, só construído na planta alta e dedicado a aulas. A planta baixa deste volume menor é o patio cuberto no que se está a intervir. 

 O acceso ao novo aulario realizarase na intersección dos dous volumes. Está prevista unha evacuación directa desde cada aula ao exterior a través da prolongación do graderío existente no patio cuberto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario