9 de ago. de 2017

OIA

CORES TOURÍS FAI ENTREGA DUN VEHÍCULO CONTRA INCENDIOS FORESTAIS AO CONCELLO DE OIA    

· O delegado territorial da Xunta en Pontevedra destacou que deste xeito a administración autonómica continúa a colaborar cos concellos nas tarefas de prevención e loita contra o lume 

· No acto de hoxe tamén se fixo entrega dun camión ao concello de Portas, e recentemente recibiron vehículos similares aos concellos da Lama, Silleda e Dozón  

Un dos camións foi recollido pola alcaldesa de Oia, Cristina Correa Pombal, sendo acompañada no acto polo xefe do Servizo Contra Incendios, Manuel Francisco, en presenza do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís

Infogauda / Oia

 O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, fixo entrega esta mañá de dous vehículos contra incendios forestais, un deles ao concello de Oia, no Parque de Maquinaria da administración autonómica na cidade do Lérez. 

 Un dos camións foi recollido pola alcaldesa de Oia, Cristina Correa Pombal, sendo acompañada no acto polo xefe do Servizo Contra Incendios, Manuel Francisco. 

 O vehículo entregado hoxe ao concello do Baixo Miño conta cunha capacidade 3.500 litros, 400 metros de mangueiras, 3 lanzas, extintores, mangotes de carga para os puntos de auga, material de mantemento, espumóxenos e equipos de comunicación co novo sistema dixital Tetra. 

 A administración autonómica, segundo destacou o delegado territorial, continúa a colaborar coa achega deste material, cos concellos de cara a que facilitar a súa colaboración nas tarefas de prevención e loita contra os incendios forestais. 

 No acto de hoxe tamén se fixo entrega doutro vehículo de loita contra o lume ao alcalde do concello de Portas, Víctor Estévez. 

 “Con estes dous camións, destinados ao concello de Oia no distrito XVIII,  e ao concello de Portas, no distrito XIX, seguimos a achegar vehículos de loita contra o lume aos distintos concellos da demarcación territorial da Delegación de Pontevedra”, explicou Cores Tourís, quen matizou que recentemente tamén se fixo entrega de camións similares aos concellos de A Lama, no distrito forestal XIX, así como a Dozón e Silleda, do distrito XVI.   

 “A aportación deste tipo de vehículos realízase en base ás solicitudes de cesión de réxime de propiedade dos concellos, que poden destinalos a fins de utilidade pública ou de interese social”, matizou o delegado territorial, “aínda que de xeito prioritario, o seu uso está destinado á realización da vixilancia e de todo tipo de actuacións relacionadas coa prevención e a loita contra os incendios forestais”. 

 E por outra banda, tendo en conta que o pasado 21 de xuño do 2017, a Consellería de Medio Rural determinou por Orde a época de perigo alto e que condiciona a intensidade de medidas que se adoptan para o defensa do territorio de Galicia, e nesta época onde o despregamento de medios de extinción debe ser máximo, complementándose así o dispositivo de Pladiga 2017.

Ningún comentario:

Publicar un comentario