9 de ago. de 2017

A GUARDA

UN GRUPO DE ALUMNOS DO IES A SANGRIÑA AMOSA O SEU ROBOT

Na Alameda da vila, durante as Festas do Monte Santa Trega 

Grupo “Celtic Bots” formado por alumnos do IES A Sangriña, do grupo de robótica creado por María Rodríguez, impulsores do proxecto
Fotos: C.A.G.

Infogauda / A Guarda  

 Un grupo de alumnos do IES A Sangriña, de entre 16 e 17 anos, xuntáronse fai dúas semanas para construír e programar un robot, que agora amosan e mesmo permiten dirixir a todas aquelas persoas interesadas que se acheguen á Alameda, entre as 18:00 e as 20:00 horas ata este sábado.   

 María González, impulsora do proxecto, tivo a idea de crear un grupo de robótica fai algo máis de dous meses, co fin de montar e programar un aparello electrónico que, dirixido de forma remota, fose capaz de moverse e superar obstáculos. Agora, e tras dúas semanas de traballo, a creación deste grupo de mozas e mozos bautizados como “Celtic Bots”, xa é unha realidade, e tan só o primeiro paso nun proxecto que agarda ser máis amplo.   

        O robot de “Celtic Bots”, está sendo presentado na Alameda de A Guarda


 O plan de cara o novo curso pasa por aumentar o número de participantes nesta iniciativa tecnolóxica, incluíndo a alumnos e alumnas de todas as idades e procedentes doutros centros educativos que teñan interese e capacidades en distintas disciplinas. Neste sentido, apunta María, “existen moitos prexuízos sobre o que é a robótica”, referíndose a esta como unha rama multidisciplinar na que conviven distintos campos, como “a construción, deseño, matemáticas ou a administración”, polo que perfís moi distintos teñen cabida.  

 Polo de agora, todas as persoas interesadas en coñecer o primeiro traballo deste equipo poden visitar o seu circuíto instalado na Alameda, onde se poderá conducir o robot e poñelo a proba nun campo de obstáculos. Os creadores irán anotando os tempos e puntuación de cada un dos participantes, dependendo das probas e atrancos que sexan capaces de superar, de xeito que se converta nunha competición entre afeccionados.  

 A actividade comezou a expoñerse onte pola tarde, espertando a curiosidade de maiores e pequenos, aínda que foron estes últimos os que amosaron de forma xeral unha maior disposición a probar o robot, para cuxa construción os alumnos contaron cun equipamento de robótica do IES A Sangriña. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario