2 de xul. de 2026

CULTURA

A Guarda inaugura a exposición "José Suárez, vida e obra", unha homenaxe ao fotógrafo universal da vila 


Un momento da intervención do concelleiro de Cultura e Deportes, Celso Rodríguez Fariñas, quen fixo unha sembranza de José Suárez

Fotos: Infogauda

Persoas vencelladas ao mundo da cultura e do xornalismo asistiron á inauguración

Xurxo González Rodríguez (Xurxo Chirro), non quixo perderse esta exposición

O fotógrafo e academico Xurxo Lobato efectuando unha visita guiada a exposición

Ricardo Rodríguez Vicente/A Guarda 

 O paseo marítimo da Guarda acolle desde este xoves, 2 de xullo a exposición "José Suárez, vida e obra", unha mostra que achega ao público a traxectoria vital e artística do fotógrafo, cineasta e documentalista alaricano, considerado unha das figuras máis destacadas da fotografía galega do século XX. 

 O  acto inaugural, celebrado ás 13:00 horas, contou coa asistencia do alcalde da Guarda, Roberto José Álvarez Carrero; do tenente de alcaldía, Óscar Alonso Álvarez; do concelleiro de Cultura e Deportes, Celso Rodríguez Fariñas; da delegada territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, M.ª Isabel Couselo Torres; e do comisario da exposición e membro da Real Academia Galega de Belas Artes, Xurxo Lobato. Tamén participaron numerosas persoas vinculadas ao mundo da fotografía e do cinema, entre elas Xurxo Chirro, Manuel Álvarez Álvarez e Santiago Baz Lomba, ademais de representantes do tecido cultural e social da vila.

 A primeira intervención correu a cargo do concelleiro de Cultura e Deportes, Celso Rodríguez Fariñas, quen realizou unha completa e documentada semblanza de José Suárez Fernández, repasando a súa biografía e destacando a súa faceta como fotógrafo, cineasta e documentalista. Ao longo da súa intervención puxo de relevo a importancia da súa obra tanto desde o punto de vista artístico como documental, reivindicando a figura dun creador que levou o nome da súa matria máis aló das fronteiras de Galicia e de España.

 De seguido tomou a palabra o comisario da exposición, Xurxo Lobato, quen explicou que a chegada desta mostra á Guarda respondía a dúas razóns fundamentais. Por unha banda, polo estreito vencello de José Suárez coa vila guardesa e, pola outra, polo interese e a implicación amosados polo concelleiro de Cultura e Deportes, Celso Rodríguez Fariñas, para facer posible que esta exposición puidese exhibirse nesta vila mariñeira.

 Lobato tamén agradeceu expresamente o apoio prestado pola Xunta de Galicia e por outras institucións que colaboraron na organización da mostra, destacando o esforzo conxunto realizado para continuar difundindo o legado dun dos grandes nomes da fotografía galega. Unha vez rematadas as intervencións institucionais, foi o propio comisario quen guiou aos asistentes nun percorrido polos distintos paneis da exposición, explicando os aspectos máis relevantes da vida e da obra de José Suárez e achegando numerosas anécdotas e detalles sobre as fotografías e os documentos expostos.

 Pola súa parte, a delegada territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, M.ª Isabel Couselo Torres, mostrou a súa satisfacción porque esta exposición chegase á Guarda, afirmando que era o lugar onde tiña que estar debido aos profundos vínculos de José Suárez coa esta vila. Amosouse convencida de que a mostra contará cunha excelente acollida tanto por parte da veciñanza guardesa como das persoas que visiten a localidade durante as próximas semanas. Así mesmo, quixo salientar o interese e o rigor da intervención realizada previamente polo concelleiro de Cultura e Deportes, destacando a calidade da súa exposición sobre a figura do fotógrafo.

 O encargado de pechar o acto foi o alcalde da Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, quen expresou o seu agradecemento á Real Academia Galega de Belas Artes por facer posible que esta exposición puidese exhibirse nesta vila, tan vencellada a José Suárez. O rexedor destacou que se trata dunha oportunidade para que guardeses e visitantes coñezan máis de preto a dimensión humana e artística dun creador que contribuíu decisivamente ao prestixio da fotografía galega e que sempre mantivo vivo o seu vínculo con Galicia.

 A exposición permanecerá instalada no paseo marítimo, ofrecendo un percorrido pola vida e pola obra de José Suárez Fernández a través dunha coidada selección de imaxes e textos que permiten descubrir a evolución dun artista de proxección internacional e reivindicar o seu extraordinario legado cultural.

Ningún comentario:

Publicar un comentario