A axenda de verán arranca cunha intensa semana de lecer no Rosal
• Sete días e oito propostas culturais de balde para todos os públicos do 7 ao 12 de xullo
Infogauda/O Rosal
A axenda cultural de verán comeza no Rosal por todo o alto. Esta semana o municipio acende os motores cunha programación variada e intensa que encherá diferentes espazos rosaleiros de música, teatro, cinema e contos durante toda a semana, sete días con oito propostas culturais con entrada libre e gratuíta.
A axenda arranca este martes 7 de xullo co Dúo Ébano e a súa viaxe sonora polo universo de O Principiño, un espectáculo que combina proxección audiovisual e música en directo sincronizada. Será ás 20.00 horas no Centro Cultural As Eiras e, ao remate, darase á benvida á sexta edición da Mostra de Cinema organizada pola asociación Ghorghallado, coa proxección de curtas.
O mércores 8 a festa pasa á rúa coa chegada de Ñiqui Ñaque, coprodución de Espectáculos Valente co Centro Dramático Galego, con texto de Cándido Pazó. Un espectáculo de teatro de rúa que entrelaza clown, máscara e acrobacia nunha declaración de amor ás artes escénicas, convertendo o teatro nunha metáfora das vidas precarias e á deriva ante un futuro incerto. Será ás 21.00 horas na Praza de Novás, e ao remate continuará a proxección de curtas e celebrarase a primeira proxección polos barrios do documental De Avoas a Netas, o traballo elaborado no marco do proxecto de voluntariado interxeracional que continuará percorrendo diferentes recunchos do municipio ao longo do verán.
O xoves 9 a programación desdobrase en dúas citas. Pola tarde, ás 18.00 horas na Biblioteca Municipal, o contacontos As letras de Begoña Caamaño achegará á infancia a biografía da xornalista, escritora e activista feminista á que este ano se lle dedicou o Día das Letras Galegas, alternando narración, ilustración e música. Pola noite, ás 20.30 horas na igrexa de Santa Mariña, o espectáculo Treides Conmigo! de Xoán Curiel propón cantigas medievais en clave contemporánea xunto ao dúo de cellos Tharoa Cordas, nun concerto de pop medieval que promete sorprender.
O venres 10 chega o momento máis festivo da semana cos Tardeos na Praza: Pablo Novoa e Litus subirán ao escenario da praza do Calvario ás 21.00 horas para pechar unha semana cultural que non podería ter mellor broche. E para rematar, o domingo 12 ás 20.30 horas na igrexa de Santa Mariña, o Encontro de Corais da Agrupación Musical do Rosal reunirá as voces do municipio nunha cita emotiva e especial.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, animou á veciñanza a non perderse ningunha cita. “Cando ves esta programación xunta entendes por que o verán no Rosal é algo especial. Temos moita diversidade de propostas para que todos os rosaleiros e rosaleiras atopen algunha actividade coa que desfrutar do lecer nesta época estival”, recalcou a rexedora.

Ningún comentario:
Publicar un comentario