9 de ago. de 2017

TUI

CORES TOURÍS ANUNCIA O REPARTO DE 71.778 EUROS PARA A ÁREA DE REHABILITACIÓN INTEGRAL DE TUI  

· O delegado territorial da Xunta en Pontevedra destacou que a Consellería de Infraestrutura e Vivenda financiará con preto de 3 millóns de euros as 9 ARI declaradas na provincia  

· Poderán beneficiarse das axudas os propietarios de vivendas e edificios situadas no ámbito das ARI que as rehabiliten así como os propios concellos para actuacións de urbanización e as oficinas do ARI 

· Estas axudas súmanse aos 2,9 millóns de euros destinados á Área de Rehabilitación Integral dos Camiños de Santiago que foron convocadas en xuño pasado 


Infogauda / Tui 


 O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, anunciou esta mañá que a Xunta de Galicia financiará con 71.778 euros á Área de Rehabilitación Integral do concello de Tui.   

 A nivel provincial, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda destinará preto de 3 millóns de euros ás 9 Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) declaradas na provincia de Pontevedra. A nivel galego, repartíronse 10,44 millóns de euros en Galicia, dos que preto de 7,5 millóns de euros son achegados polo Ministerio de Fomento e 3 millóns de euros polo IGVS. 

 “O reparto dos fondos entre os concellos que dispoñen de ARI no seu territorio, realizado en función das solicitudes presentadas pola administración local, foi comunicado xa a cada concello solicitante”, explicou Cores Tourís, quen engadiu que “agora, unha vez comunicados os fondos do reparto correspondente aos obxectivos de 2017, os concellos deberán comunicar ao IGVS as actuacións previstas, presentando a documentación acreditativa. No caso de concellos que dispoñen de máis dunha ARI declarada no seu ámbito, serán a propia administración municipal a encargada de realizar o reparto dos fondos entre as mesmas”. 

 Ademais os concellos deberán regular os prazos para a presentación de solicitudes por parte dos propietarios de vivendas interesados na súa rehabilitación. 

 Os beneficiarios finais dos fondos repartidos serán os propietarios de vivendas e edificios de vivendas emprazados no ámbito das Áreas de Rehabilitación Integral, que recibirán axudas a fondo perdido para as actuacións de rehabilitación que realicen. Tamén se poderán beneficiar das axudas os propios concellos para a realización de actuacións de urbanización e reurbanización no ámbito das ARI. Ademais, a Xunta, con fondos propios, financia as oficinas de rehabilitación municipais. 

 Actualmente existen 69 Áreas de Rehabilitación Integral declaradas en 41 concellos de toda Galicia.     

 ARI dos Camiños de Santiago 

 As axudas da ARI dos Camiños de Santiago, da que se benefician un total de 107 concellos das catro provincias galegas e que xestiona directamente o Instituto Galego da Vivenda e Solo, convocáronse no DOG do 14 de xuño de 2017, cun importe total de 2,9 millóns de euros e prazo de presentación de solicitudes ata o 30 de novembro de 2017. 

 Máis do 40 por cento dos concellos galegos contan cunha Área de Rehabilitación Integral declarada no seu territorio ou están incluídos na ARI dos Camiños de Santiago, polo que a importancia desta figura de rehabilitación é clave para Galicia. 

 40 millóns para rehabilitación 

 Este ano a Xunta destinará máis de 40 millóns de euros a axudas para rehabilitación de vivendas e edificios de vivendas e actuacións directas nesta materia a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo, o que non so permitirá mellorar as condicións de vida dos cidadáns senón que tamén terá unha importante repercusión a través da creación de postos de traballo, xa que a rehabilitación ten unha alta demanda de man de obra, estimada en 200 postos de traballo por cada millón de euros de axudas públicas. 

 Ás axudas de rehabilitación súmanse as actuacións directas de rehabilitación e rehabilitación enerxética que o IGVS realiza en vivendas de promoción pública da súa propiedade 4,7 millóns de euros) e as actuacións directas de rehabilitación de vivendas adquiridas en conxuntos históricos, a través do programa Rexurbe (3,5 millóns de euros). 

 Axudas específicas para concellos 

 Este ano creáronse por primeira vez axudas específicas para que os concellos poida realizar actuacións de rehabilitación de vivendas no exercicio das súas competencias na materia. 

 Desta maneira creouse o programa de rehabilitación de vivendas de mestres, outros oficios e outras de titularidade municipal, dotada con 850.000 este ano, a través da cal os concellos poden recibir ata 40.000 euros por vivenda rehabilitada, que deberá ser destinada ao alugueiro social por un prazo mínimo de 15 anos. O importe da axuda, que pode acadar o 90 por cento do custe da rehabilitación, incrementase ata 48.000 euros por vivenda si está emprazado en ámbito histórico ou nos Camiños de Santiago. 

 Esta axuda compleméntase co Fondo de cooperación cos concellos, dotado con 10 millóns de euros, a través do cal os concellos poden financiar sen xuros a adquisición de vivendas e a parte da súa rehabilitación que non cubra o programa de mestres. O fondo tamén servirá para financiar outras actuacións dos concellos en materia de vivenda. 

 Finalmente, o programa de Infravivenda permitirá aos concellos rehabilitar vivendas que non reúnen condicións mínimas de habitabilidade, con axudas do 95% do custe, cun límite de 15.000 euros por vivenda. As vivendas acollidas a este programa poden ser de propiedade privada o dos propios concellos que, en ambos casos, serán os encargados da solicitude da axuda. 

 Estas axudas dirixidas especificamente a concellos están destinadas aos de menos de 50.000, 20.000 ou 10.000 habitantes respectivamente, de maneira que contribúen ao reequilibrio territorial e facilitan as actuacións dos concellos de menor tamaño.

Ningún comentario: