AS COMUNIDADES DE MONTES DA GUARDA E DE CAMPOSANCOS REGULAN A VENDA AMBULANTE PARA O DOMINGO DO MONTE 2026 CON PRIORIDADE PARA EMPRESAS LOCAIS
Foto: Cedida
Infogauda/A Guarda
As Comunidades de Montes Veciñais en Man Común da Guarda e de Camposancos aprobaron e publicaron o prego que regulará, por primeira vez de forma conxunta, a concesión de autorizacións temporais para a instalación de postos de venda ambulante nos terreos comunais de ambas entidades durante a celebración da Romaría do Domingo do Monte 2026.
A iniciativa nace coa vontade de regular á instalación de postos de venda ambulante, garantindo o respecto á propiedade comunal, á protección do patrimonio e á normativa vixente. A aprobación desta convocatoria ten como antecedente os feitos acontecidos durante a edición do Domingo do Monte de 2025, cando se detectou a instalación de diversos postos de venda ambulante en terreos comunais sen que constase autorización expresa das Comunidades de Montes propietarias nin as correspondentes autorizacións municipais. Esta situación deu lugar á presentación de denuncias e comunicacións ante a Consellería do Medio Rural, Comercio, o Concello da Guarda e a Garda Civil, coa finalidade de aclarar os feitos e defender os dereitos das entidades propietarias dos terreos.
Coa experiencia adquirida o pasado ano, ambas Comunidades de Montes decidiron establecer un procedemento público, transparente e regulado para que calquera persoa interesada poida solicitar a instalación dun posto de venda ambulante durante a romaría en igualdade de condicións.
O procedemento baséase nas competencias que a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de Montes Veciñais en Man Común de Galicia, atribúe ás Comunidades de Montes para a administración, xestión, defensa e aproveitamento dos bens comunais da súa titularidade, así como no disposto na Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, que regula o exercicio da venda ambulante e as autorizacións necesarias para o seu desenvolvemento.
Os postos poderán instalarse en tres zonas que nos últimos anos veñen utilizándose para este fin: a contorna do Montiño, a contorna da Casa Forestal e o aparcadoiro do Facho. A distribución definitiva realizarase atendendo a criterios de seguridade, accesibilidade, protección ambiental, protección patrimonial e mellor aproveitamento do espazo dispoñible, autorizándose un único posto por actividade en cada zona.
As tarifas aprobadas para esta edición serán de 50 euros por metro lineal para os postos sen venda de bebidas alcohólicas e de 75 euros por metro lineal para aqueles que inclúan a venda de bebidas alcohólicas. O pagamento realizarase unha vez concedida a autorización e con carácter previo á ocupación do terreo comunal.
Co obxectivo de favorecer a economía local, o prego establece unha orde de prioridade que sitúa en primeiro lugar ás persoas comuneiras e ás empresas e autónomos con domicilio social ou fiscal no Concello da Guarda e, finalmente, o resto de solicitantes.
As autorizacións concederanse con carácter temporal, persoal e intransferible e estarán limitadas exclusivamente ao espazo e actividade autorizados. O prego lembra expresamente que a eventual autorización municipal para o exercicio da venda ambulante non habilita por si soa a ocupación dos terreos comunais, sendo imprescindible contar tamén coa autorización expresa das Comunidades de Montes como entidades propietarias dos terreos.
As solicitudes poderán presentarse ata o 31 de xullo de 2026, exclusivamente a través do correo electrónico montesdaguarda@gmail.com, empregando os modelos normalizados incluídos na convocatoria:
https://drive.google.com/file/d/1Siq76acXvBeA3012M0rBJ52hDyUrUtBk/view?usp=drive_link
As Comunidades de Montes da Guarda e de Camposancos subliñan que esta regulación pretende ofrecer un marco claro, transparente e conforme á legalidade para a actividade comercial que se desenvolve durante a romaría.
«O noso obxectivo é que o proceso de adxudicación dos espazos para a venda ambulante sexa público. Con este prego, todas as solicitudes deberán presentarse dentro dun prazo público, serán resoltas conforme a criterios obxectivos previamente establecidos e todas as autorizacións e pagamentos quedarán formalmente documentados e rexistrados, reforzando a transparencia, a trazabilidade dos ingresos e a rendición de contas na xestión do patrimonio comunal», sinalan ambas Comunidades de Montes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario