8 de ago. de 2017

A GUARDA

CARLOS MOURIÑO, PRESIDENTE DO R. C. CELTA, INAUGUROU OFICIALMENTE AS FESTAS DO MONTE SANTA TREGA

Nun Auditorio de San Bieito con un público entusiasta e unido co Celta  

Carlos Mouriño, presidente do R. C. Celta de Vigo, exercendo de pregoeiro das Festas do Monte Santa Trega
Fotos: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 As Festas do Monte deron comezo oficialmente onte, co pregón do presidente do Real Club Celta de Vigo, Carlos Mouriño. Co Auditorio de San Bieito cheo, Mouriño dirixiuse aos guardeses e guardesas para encomiar a súa paixón e destreza no deporte; a mesma paixón, apuntou, que dedican na celebración das súas Festas do Monte Santa Trega. O tradicional Festival Folclórico puxo fin ao acto, coa actuación de sete grupos musicais que mantiveron ó público nas bancadas ata preto das 22:00 horas.  

 O acto inaugural das festas, presentado por Elena Baz Rodríguez, comezou pasadas as 20:00 horas no Auditorio de San Bieito. Máis de medio milleiro de persoas agardaban ó pregón do presidente do R. C. Celta, Carlos Mouriño, que viu precedido pola benvida do alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba Baz, animando a veciños e visitantes a gozar desta “celebración centenaria”.  

Antonio Lomba Baz, alcalde de A Guarda, na súa intervención

 O rexedor municipal aproveitou para lembrar que será este venres ás 11:30 cando se inaugurarán a rúa Vigo, substituíndo á Primeira e Segunda Transversais Bechos; e a rúa do Celta, que substituirá a Terceira Transversal Bechos, nun acto ao que todos os veciños están convidados.   

 Tamén se dirixiron ao público o coordinador das Festas do Monte Santa Trega, Manuel Castro Vicente, e as deputadas provinciais Digna Rosa Rivas Gómez e Montserrat Magallanes Álvarez. Esta última, tamén concelleira de Turismo no Concello da Guarda, puxo en valor a  “magnífica” contorna coa que conta a vila mariñeira, froito da fusión do monte e o mar dos que debemos coidar. Neste mesmo sentido pronunciouse Manuel Castro, ao referirse á vital importancia do respecto e o coidado do monte ao que se deben estas festas. O coordinador dedicou un agradecemento especial á Carlos Mouriño, cuxa presencia nesta celebración se debe ó 25 aniversario da Peña celtista do Baixo Miño, e ao persoal do Concello que fai posible “que todos poidamos desfrutar destas festas”.     

A Guarda está co Celta 

“Aquí descubrimos o trísquel que loce a nosa camiseta” e forma parte da identidade do equipo celtista, sinalou o presidente do Real Club Celta de Vigo, Carlos Mouriño, ao referirse á vila da Guarda. Foi aquí, ademais e segundo recoñeceu durante o pregón, onde exerceu por primeira vez como guía turístico, sendo aínda un mozo.   

 Amais dos seus vínculos persoais coa nosa terra, o presidente do R. C. Celta referiuse ó mérito do Club de Balonmán Mecalia Atlético Guardés, recentes campioas da Liga, das que resaltou “a súa determinación e ambición”. A Peña do Baixo Miño tamén foi merecedora dos seus eloxios, tras “25 anos unindo Vigo e A Guarda con paixón e entusiasmo”.   

Carlos Mouriño, presidente do R. C. Celta de Vigo, facendo entrega dos agasallos os grupos participantes no Festival Folclórico

 Os grupos participantes no Festival Folclórico non foron esquecidos polo presidente celtista, que agasallou aos seus representantes e á comisión das festas cun recordo do R. C. Celta en lembranza deste pregón.   

De esq. a der.: Fátima Iglesias Ferreira, Manuel Castro Vicente, Rogelio Vicente Lomba e súa dona, e Antonio Lomba Baz

 Dende a organización, ademais, dedicouse un recoñecemento especial á Banda Negra, pioneira nas Festas do Monte Santa Trega con medio século de vida, e aos fundadores da Confitería Rogelio, que este ano tamén celebran o 50 aniversario do seu establecemento, rexentado sempre pola familia dos fundadores, sendo un dos máis lonxevos e queridos polos veciños da vila e da súa contorna, non soio pola calidade dos seus saborosos productos que elaboran no seu obrador, senón polas colabouras desinteresadas a diversos colectivos (culturais, deportivos, festivos, sociais,...), o longo de todo o ano, e desde seus comezos.   

Música e baile nas Festas do Monte Santa Trega

 O grupo de gaitas da Terceira Idade, Boalleira, Churumbela, a Asociación Folclórica Vento Mareiro, Doxe nun ano, Xamaraina e Trebón dos Xidos foron os grupos encargados de amenizar a noite tras o acto inaugural das festas, dentro do xa tradicional Festival Folclórico. Xa ás 22.30 horas, deu comezo a verbena na Alameda, coa actuación das orquestras Nevada e Jonnhy Maquinaria, que puxeron fin a esta primeira xornada das Festas do Monte 2017.   

Na imaxe un dos grupos que participou no Festival Folclórico

 Esta noite serán América e Son D’ Vigo as orquestras encargadas de por a música e o baile na noite da Alameda, tras unha tarde marcada pola Festa Homenaxe á Terceira Idade que se celebrará no Auditorio de San Bieito e as mañás amenizadas polos pasacalles. A Guarda encherase de música, de baile e de festa ata o próximo martes 15 de agosto, co espectáculo pirotécnico a media noite no porto mariñeiro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario