A compañía de danza con sede na Guarda, Rubén de Sá Company, vén de facer historia
• Ao proclamarse campioa rexional de CYD (Can You Dance) en Nottingham (Reino Unido), unha das convencións e competicións de danza máis prestixiosas e esixentes do país
Infogauda/A Guarda
A compañía de danza con sede na Guarda, Rubén de Sá Company, vén de trunfar na convención CYD (Can You Dance), celebrado o pasado domingo 28 de xuño, no David Ross Sports Village, na Universidade de Nottingham (Reino Unido). Na súa primeira participación neste certame, a formación acadou o primeiro posto na categoría Senior coa peza Empty Chairs at Empty Tables, destacando pola intensidade interpretativa, a sensibilidade artística e a excelencia técnica dunha proposta que conquistou ao xurado. O logro ten especial mérito ao producirse nun dos concursos de danza máis competitivos do panorama internacional, no que participan escolas e compañías de gran nivel.
A Rubén de Sá Company está integrada por bailaríns e bailarinas da propia vila, así como do Rosal, Canarias, Madrid e Portugal. Un proxecto que evidencia como o talento, a dedicación e o traballo conxunto son quen de superar fronteiras e situar o nome da Guarda en escenarios internacionais de primeiro nivel.
Este recoñecemento culmina meses de preparación e esforzo, e supón, ademais, un novo impulso para a compañía, que conseguiu a súa clasificación para a Super Convention que terá lugar o vindeiro mes de outubro. Nesa cita volverá compartir escenario con algúns dos talentos emerxentes máis destacados da danza internacional.
Dende o Concello da Guarda felicitan á Rubén de Sá Company por este importante éxito, que enche de orgullo a toda a veciñanza, e deséxanlles moita sorte no próximo reto. "Estamos convencidos de que seguirán levando o nome da nosa vila con orgullo e excelencia alá onde actúen", afirmaron dende a institución municipal.

Ningún comentario:
Publicar un comentario