8 de ago. de 2017

PONTEVEDRA

AS OBRAS DA ROLDA LESTE E DO ACCESO A PRÍNCIPE FELIPE COMEZARÁN NA PRIMAVERA DE 2018 

A presidenta Carmela Silva explicou que os dous convenios asinados hoxe entre a Deputación e o Concello capitalino supoñen “case catro millóns de euros destinados a mellorar a calidade de vida da cidadanía de Pontevedra” 

O vicepresidente Mosquera destacou que a glorieta de acceso a Príncipe Felipe servirá de conexión para a estrada de nova creación que  rodeará o hospital Montecelo 

Carmela Silva - a direita da imaxe -, presidenta da Deputación de Pontevedra, con Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra; e César Mosquera - a esq. da imaxe - vicepresidente da Deputación provincial, logo da sinatura dos dous convenios de colaboración entre a Deputación provincial e o Concello de Pontevedra
Foto: D.P. 

Infogauda / Pontevedra

 As obras da Rolda Leste e do novo acceso a Príncipe Felipe comezarán na primavera de 2018. Así se indicou hoxe na sinatura dos dous convenios de colaboración entre a Deputación provincial e o Concello de Pontevedra que permitirán executar ambas actuacións,na que estiveron presentes a presidenta provincial Carmela Silva, o vicepresidente César Mosquera e o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores.   

 A presidenta da Deputación, Carmela Silva, asegurou que “hoxe asinamos dous convenios co Concello de Pontevedra. Un, o de acceso a Príncipe Felipe, que ascende a case 500.000  euros e, outro, de acceso a Montecelo que ascende a case 3,5 millóns de euros, é dicir, falamos de case catro millóns de euros destinados a mellorar a calidade de vida da cidadanía de Pontevedra”.  

 Sobre os convenios coa capital da provincia, Silva subliñou que o novo goberno da Deputación de Pontevedra “respecta profundamente a autonomía municipal dos concellos da provincia e son eles os que deciden os investimentos que se fan nos seus termos municipais”. Ao respecto, a presidenta destacou que “esta cuestión responde á grande lóxica de quen elixe aos gobernos municipais é a cidadanía, que aproba un proxecto para o concello que debe desenvolver o goberno elixido”.  

 Xunto a esta cuestión, Carmela Silva tamén fixo fincapé en que “o novo goberno da Deputación ten un proxecto de desenvolvemento de infraestruturas provinciais que xa ten impulsado desde anos o concello de Pontevedra. Un proxecto do século XXI, baseado na mobilidade e seguranza viaria e nun tratamento diferente do espazo público e da trama urbana, algo que queremos impulsar tamén a través desta sinatura de convenios con Pontevedra”.  

 Amais, a presidenta da Deputación de Pontevedra tamén quixo agradecer “ao vicepresidente o seu pulo para estender o modelo de infraestruturas impulsado na cidade de Pontevedra a toda a provincia” e asegurou que “xunto ao deputado Uxío Benítez, están a facer un traballo extraordinario, un cambio radical na forma de entender as infraestruturas que nuns anos terá unha grande visibilidade”.  

 O vicepresidente César Mosquera, pola súa parte, explicou que a sinatura do convenio de hoxe era imprescindible para abrir o proceso de licitación e contratación dos traballos por parte da Deputación. Segundo asegurou o deputado nacionalista, a previsión é que a finais de ano os dous proxectos estean adxudicados,se todos os trámites saen segundo o previsto, para que na primavera poidan iniciarse as dúas obras.  

 En canto ao proxecto de acceso a Príncipe Felipe, Mosquera quixo destacar que servirá de punto de arranque e conexión coa futura estrada que pasará por detrás do hospital. Indicou que o trazado da nova infraestrutura viaria, que executará a Deputación, dependerá de por onde se realice a ampliación de Montecelo por parte da Xunta: “Ata o de agora só hai un Plan Funcional e sería temerario definir por onde pode ir a estrada. A definición concreta realizarase cando estea aprobado o Plan Sectorial definitivo”, asegurou.  

 Así mesmo, o vicepresidente subliñou que o novo acceso supón “unha obra para mellorar o centro de acollemento de menores, ao contrario do que se está insinuando sobre que na Deputación non queremos actuar en Príncipe Felipe”. Neste sentido, salientou que o proxecto é “moi querido” posto que soluciona un problema grave de seguranza viaria, xa que a entrada ás instalacións provinciais está nunha curva, “un sitio terrorífico no que xa houbo accidentes, aínda que hai que agradecer que non foron de gravidade”, e tamén supón a mellora de servizos de auga e das instalacións da caseta actual de control e vixilancia.  

 Pola súa banda, o alcalde Fernández Lores destacou que os convenios asinados hoxe entre a Deputación e o Concello supoñen o terceiro e o cuarto acordos entre ambas administracións no que vai de mandato, o que mostra a boa “sintonía e colaboración”.  En canto á Rolda Leste, subliñou que por dificultades no proxecto houbo que facer cambios, pero manifestou a súa vontade en que “desta vez sexa a definitiva”: “agardamos que máis cedo que tarde inauguremos con alegría e satisfacción”, dixo.  

 Así mesmo, o rexedor indicou que están ‘en carteira’ outros convenios coa institución provincial, como o relativo ao acceso a Monte Porreiro dende os terreos de Tafisa, que servirá para integrar o barrio na cidade e mellorar a súa conexión; así como outros acordos relativos a instalacións deportivas, que poderían asinarse entre finais deste ano ou primeiros do 2018. “Son obras relativas a infraestruturas necesarias, saneamento ou equipamentos necesarios que avanzarán en dar servizos aos cidadáns”, finalizou.  

Rolda Leste 

 A nova addenda sobre a Rolda Leste asinada hoxe supón un paso máis para corrixir os erros de tramitación do anterior goberno provincial. A infraestrutura fora adxudicada sen a correspondente tramitación ambiental e sen informe da Axencia Galega de Infraestruturas, que obrigou a facer variacións nos entronques da vía, a mellorar o tipo de pavimento para facelo máis resistente ao tráfico pesado, e a instalar máis redutores de velocidade e pasos de peóns sobreelevados coa finalidade de calmar o tráfico na zona. Tamén foi preciso incluír no proxecto a reposición de muros, pozos e outros acordos xerados cos propietarios das fincas afectadas que non estaban contemplados inicialmente.   

 Con todos estes cambios, foi preciso axustar o financiamento á realidade das obras e recoller as modificacións nunha na nova addenda ao convenio, que recolle que a Deputación de Pontevedra levará a cabo a redacción do proxecto correspondente (xa feito) e financiará o 50% da execución da obra asumindo o 50% do incremento do custe do novo proxecto, (1.033.007,19 euros) así como o 50% do incremento do custe das expropiacións (395.000,00 euros). En total, a obra ascenderá a 3.416.014,38 euros.  

Acceso a Príncipe Felipe  
 A actuación de mellora de acceso a Príncipe Felipe consistirá, por unha banda, na construción dunha glorieta de doble carril que regule a circulación viaria, e que contará con pasos de peóns sobreelevados á entrada e saída da mesma, en ámbalas direccións, obrigandodesta forma aos vehículos a reducir a velocidade nas inmediacións do acceso ao centro, dificultando que excedan a velocidade máxima permitida de 30 quilómetros hora.  

 Doutra banda, crearanse áreas seguras reservadas para os peóns no acceso ao centro, sen existencia de barreiras arquitectónicas para as persoas con mobilidade reducida, creando un espazo reservado unicamente para as persoas libre do tránsito de vehículos. Na actualidade, o centro contacun acceso principal sen ningún tipo de protección en materia de mobilidade e seguranza viaria ante o colectivo máis vulnerable, sen existiren pasos que protexan ao peón á entrada e saída do centro, tendo en conta sobre todo que gran parte destespeóns son nenos, persoas maiores ou persoas con mobilidade reducida.   

 No convenio asinado hoxe establécese que a Deputación licitará as obras, orzamentadas en 549.981,31 euros, e o Concello autorizará a intervención no viario municipal no tramo situado na parte frontal do acceso ao centro Príncipe Felipe para posibilitar a execucióndos traballos previstos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario