12 de xul. de 2017

SOCIEDADE

Compañeiros/as e familiares dos brigadistas falecidos no lume de Fornelos rexeitan a sentenza “que os culpabiliza a eles da súa morte” 

O comité de Seaga concentrouse diante da Xunta en Vigo en lembranza de Xulio e Rodrigo


Infogauda / Vigo

 Compañeiros/as de traballo e familiares de Xulio Martínez e Rodrigo Amo, os dos dous brigadistas falecidos mentres apagaban un incendio forestal en Fornelos de Montes en 2010, participaron hoxe na concentración convocada polo comité de empresa de Seaga na súa lembranza e para rexeitar a sentenza “que os culpabiliza a eles da súa propia morte”. A representación dos empregados/as da empresa pública reclamaron tamén unha mellora das condicións laborais, un cambio nos protocolos de actuación e unha mellora da coordinación dos efectivos que loitan contra o lume.  

 O presidente do comité de empresa de Seaga na provincia de Pontevedra, Josafat Puente, da CIG, explicou que coa protesta celebrada diante da delegación da Xunta en Vigo de 11:00 a 12:00 horas queren en primeiro lugar honrar a memoria dos dous compañeiros falecidos en accidente laboral, mais tamén para “amosar o noso rexeitamento á sentenza do TSXG na que se lles culpabiliza da súa propia morte”. Explicou que aínda que na resolución xudicial se sinale a responsabilidade da Xunta por non ter unha motobomba no lugar do sinistro, “outra gran parte da culpa recae sobre os propios traballadores falecidos supostamente por estar onde non debían, cando se atopaban onde lles mandaron”.

 Esta tese foi corroborada pola propia irmá dun dos falecidos, Alicia Martínez, quen asegurou que “non tomaron unha mala decisión, tomaron a única que podrían tomar, xa que non tiñan outra vía de saída”. De feito, explicou que un deles deixou o batelumes atrás, “o que demostra que intentaban fuxir presas do pánico; quedaron atrapados polo lume e foi a única alternativa que tiñan; por iso estamos moi indignados/as porque lles atribúan a eles a culpa do sucedido”.

 Non cambiou nada dende o accidente  

 O presidente do comité de Seaga en Pontevedra criticou que a situación na empresa tivese cambiado nada nos sete anos transcorridos dende o sinistro, “polo que en calquera día pode suceder outro accidente similar, xa que non se modificaron os protocolos de actuación”. Ao mesmo tempo, lembrou que a comoañía pública mantén unha taxa de reposición do 20%, polo que cada ano entra un 20% do persoal novo. “Xente sen formar, que non viu un lume na súa vida e que non sabe como hai que reaccionar fronte a un incendio”, censurou. A isto hai que sumar que só se traballe tres meses ao ano, o que imposibilita que se formen verdadeiros/as profesionais”.

 Sinalou que ademais o sector está cada vez máis atomizado, e na actualidade hai unhas 10-12 empresas traballando na extinción lumes, “o que provoca unha gran descoordinación entre elas”. Diante disto, reclamou un cambio nos protocolos, unha maior coordinación entre os efectivos que combaten os lumes e que o persoal de Seaga traballe máis de tres meses, o que faría posíbel unha maior prevención. Nesta liña, alertou que este ano a Xunta atrasou as labores de prevención, traballo que pretenden que se fagan durante o verán, cando tiña que estar feita na primavera”.

Lembrou o sucedido recentemente en Portugal e advertiu que Galiza “é un polvorín, xa que ao incremento das temperaturas súmase que cada vez temos máis plantacións de eucalipto e piñeiro, dúas especies altamente combustíbeis”. Así, considera necesario contar con franxas de seguridade e preparar as estradas e pistas para que o lume non as traspase. “A cuestión non é que o monte arda ou non, porque sempre vai arder, a cuestión é que os lumes non cheguen a ser moi grandes e que se poidan controlar, para o que é necesario moita prevención”.  

 Lamentou que o Goberno galego gaste cada ano máis cartos en extinción “cando o normal sería gastar máis en prevención, para aforrar gastos en extinción”. Indicou que o orzamento non deixa de medrar e contrátanse máis empresas e máis medios, pero non incrementan os gastos nas brigadas, “que son as que realmente apagan os lumes”. Finalmente, apostou por un cambio na política forestal e rexeitou que sexan as empresas madereiras e unha pasteira como Ence “as que deseñen a política forestal deste país”.

“Intentantaron botar terra sobre o asunto”  

 Na súa intervención, a irmá de Xulio tamén incidiu na falta de profesionalización dun servizo tan perigoso como o de extinción de lumes, e sostivo que non pode habela se cada ano cambian parte do persoal. “Non pode ser que a falta de experiencia e non coñecer aos teus compañeiros/as teña estas consecuencias”. Lembrou que moitos brigadistas nin se coñecen entre eles, o que neste caso fixo que os compañeiros/as da Xunta que se atopaban cos falecidos non coñecesen os seus nomes, polo que non puideron confirmar que se atopaban ben. “Preguntáronlles 'estades ben, rapaces?' e respondéronlles os que estaban noutro lado”. “Se soubesen algo tan simple como os seus nomes agora seguramente estariamos a falar doutra cousa” rematou. 


 Pola súa banda, Elvira González, a nai de Rodrigo cualificou a sentenza de “inaceptábel” porque minimiza a responsabilidade da Xunta e culpabiliza os falecidos da súa propia morte. “Sen embargo, non fai ningunha mención á escaseza de medios nin á cadea de erros que desencadeou o accidente, nin á falta de coordinación entre as brigadas”. Ademais, considerou moi grave que non se investigara suficientemente o accidente, “e está bastante claro que intentaron botar terra sobre o asunto, como desgraciadamente sucede noutros procesos onde a Administración está implicada”. Por último, pediu que se reabra o caso “para demostrar que hay responsábeis a nivel xurídico e político”.

Ningún comentario: