7 de xul. de 2017

PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA TRASLADA Á XUNTA CATRO PROPOSTAS PARA “ERRADICAR DE RAÍZ” A VIOLENCIA E INSEGURIDADE EN PRÍNCIPE FELIPE 

A deputada Eva Vilaverde remitiu hoxe cartas ao conselleiro de Política Social e á directora de Familia e Infancia instando a chegar a un acordo “en plano de igualdade e mutuo respecto” 


Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra vén de propoñer oficialmente á Xunta de Galicia catro propostas para “erradicar de raíz” a violencia e inseguridade que están a sufrir os menores en acollemento e traballadores de Príncipe Felipe.  A deputada responsable do centro, Eva Vilaverde, remitiu dúas cartas ao conselleiro de Política Social e á directora de Familia e Infancia instando a chegara un acordo “en plano de igualdade e mutuo respecto”.  

 Vilaverde insiste en que non é posible continuar nos mesmos termos o actual convenio entre Deputación e Xunta -polo que o goberno autonómico dispón de 100 plazas para menores repartidas entre a Unidade de Primeira Acollida (UPA) e os centros de acollida en réxime de día e internamento- polas súas “cláusulas abusivas” e “severas disfuncións”. Así, propón un convenio de nova planta que permita “recuperar, mellorar, modernizar, actualizar e potenciar as funciónsdeste centro da Deputación de Pontevedra” e advirte que, caso contrario, a institución provincial seguirá con ese labor de impulso polos seus propios medios, “unha situación que non foi nunca nin é agora a nosa primeira opción”. 

 As propostas de solución plantexadas pasan, nun primeiro caso, por establecer clara e definitivamente que Príncipe Felipe é un centro de titularidade da Deputación xestionado polos criterios da Deputación e, en consecuencia, que as decisión sobre todas as dependencias do centro “serán única e exclusivamente da Deputación”, en particular os informes sobre admisións e permanencias redactados polos técnicos provinciais, que pasarían a ser os únicos determinantes e executivos.  

 Como segunda opción, Vilaverde plantexa crear en Príncipe Felipe por parte da Consellería unha sección totalmente independente das demais en terreos ou edificios cedidos pola Deputación para atender as problemáticas “específicas” que xeran violencia e inseguridade, incluída a UPA, onde son acollidos os rapaces e rapazas pendentes de valoración. 

 Outra alternativa é que a Consellería leve a UPA para outra localización fóra de Príncipe Felipe, así como os perfís ‘conflitivos’, que apenas supoñen un reducido número, “polo que buscar alternativa sería fácil”. 

 Finalmente, a última proposta da Deputación pasa por constituír temporalmente, dada a urxencia da situación, un consorcio entre Xunta e Deputación, en principio a partes iguais, de tal maneira que a Xunta tería voz, voto e capacidade de decisión para que o Centro pasase a funcionar coas normas que pretende a Consellería, mentres se estuda a posibilidade da transferencia á Xunta de Galicia. 

 A deputada delegada de Príncipe Felipe explica que “obviamente estamos abertos a considerar outras alternativas, pero sempre coa premisa de que a violencia e o deterioro de Príncipe Felipe teñen que cesar de raíz. Neste camiño seguro que atoparemos puntos de encontro e acordo”, dixo, polo que solicita que se estuden novamente as propostas, que xa foran plantexadas en anteriores encontros, e se fixe data para unha nova reunión.

Ningún comentario:

Publicar un comentario