3 de xuño de 2017

PONTEVEDRA

RAPACES E RAPAZAS DOS CONCELLOS DE TOMIÑO E O PORRIÑO APROVEITAN AS PRAZAS DE PONTEVEDRA PARA XOGAR COS  ‘ROTEIROS TONUCCI’ DA DEPUTACIÓN  

Os escolares de Tomiño pediron á súa alcaldesa máis zonas para xogar, carrís bici e un acuario, e os de O Porriño que se limpe o río Louro, un cine e un parque acuático “porque non chega coa piscina”   

A exposición ‘Imaxinar a Educación. 50 anos con Frato’ encara a súa última semana no Pazo da Cultura cunha grande acollida de público   



Rapaces e rapazas dos concellos de Tomiño e Porriño participaron hoxe no terceiro ‘roteiro Tonucci’ organizado pola Deputación de Pontevedra
Fotos: D.P.

Infogauda / Pontevedra

 Rapaces e rapazas dos concellos de Tomiño e Porriño participaron hoxe no terceiro ‘roteiro Tonucci’ organizado pola Deputación de Pontevedra no marco das actividades programadas para dar a coñecer o proxecto ‘Cidades dos nenos’ do pedagogo italiano. Nesta xornada máis de 80 escolares do CEIP Tebra e o CEIP Atios percorreron as rúas e prazas da cidade de Pontevedra aproveitando os espazos públicos gañados ao coche cunha gran xincana de xogos que comezou diante do pazo provincial da Deputación e rematou na praza da Pedreira.  


 Con carteis defendendo o seu dereito ao xogo (un deles co lema de Tonucci ‘Perdoen as molestias, estamos a xogar para vostedes’) a xornada comezou no Pazo provincial, onde se fixeron as presentacións e se iniciaron as primeiras actividades. A primeira parada foi na Praza de España, diante do antigo edificio do Concello. Alí, os monitores lembraron que antes pasaban pola praza miles de coches e a proba que lles puxeron aos rapaces consistiu en bailar e xogar como se estivesen nas festas de A Peregrina.   

 Despois tocou celebrar un ‘consello dos nenos e nenas’ como o que propón FrancescoTonucci para que pequenos e pequenas aporten a súa visión da cidade e colaboren con alcaldesas e alcaldes. Nesta ocasión as peticións para a alcaldesa de Tomiño, Sandra González Álvarez, coincidiron en parte cos outros grupos participantes na actividade (máis sitios para xogar), pero tamén engadiron novidades que traían pensadas dos colexios: máis carrís bici na vila e tamén un acuario a carón do río. Pola súa banda, os rapaces e rapazas de O Porriño pediron a Eva García de la Torre tamén máis sitios para xogar, así como a recuperación e limpeza do río Louro, un cine para a vila e un parque acuático “porque non chega coa piscina”.   


 A seguinte praza na que pararon nenos e nenas foi Santa María. Alí xogaron a pillar, á roda do lobo e volveron bailar e cantar,… Finalmente, percorreron varias rúas do casco vello da cidade de Pontevedra e chegaron á Praza da Pedreira onde os agardaban diferentes xogos tradicionais: peletre, birlos, chave, corda, caixas, barquiños de papel,… Xa pola tarde, o grupo de 82 escolares visitou a exposición ‘Imaxinar a educación. 50 anos con Frato’ que está no Pazo da Cultura. Alí coñeceron as viñetas máis significativas de Francesco Tonucci e participaron en obradoiros de bicicleta, construcións, xogos e natureza realizando moitos experimentos e actividades.  

 A mostra ‘Imaxinar a educación. 50 anos con Frato’, que está a ter unha grande acollida de público, está aberta no Pazo da Cultura á cidadanía xeral, de balde, durante todos os días ata o vindeiro 11 de xuño nos seguintes horarios:  

Luns: de 10 a 14 horas.  
Martes a Venres: de 10 a 14 horas e de 17 a 20 horas. Sábados: de 11 a 13.30 horas e de 17 a 20 horas. Domingos: de 11 a 14 horas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario