3 de xuño de 2017

OPINIÓN

A Confederación Intersindical Galega (CIG) Sector de Correos a través do seu secretario nacional 


DENUNCIA 

 O recorte aprobado nos Orzamentos Xerais do Estado de 60,5 millóns de euros á Sociedade Estatal Correos e Telégrafos afondara na precariedade laboral e no desmantelamento do Servizo Postal Universal, afectando na Galiza dun xeito moito máis negativo que no resto do Estado, tanto pola súa especial configuración xeográfica como pola idade e dispersión da súa poboación. Un servizo postal moi deteriorado nos últimos anos pola falta de contratación e pola amortización de miles de postos de traballo, que impide en moitos casos que os cidadáns  non reciban diariamente o correo nos seus domicilios nas grandes cidades; situación que se agrava dun xeito moi especial no rural. 

 Na CIG estamos moi preocupados/as polo recorte que quere impoñer o Goberno español a Correos pois esquécese que é un servizo público, e ten encomendado por lei o Servizo Postal Universal. Como servizo público debe garantir un acceso en condicións de igualdade non discriminatorias e a un prezo alcanzable a todos/as os cidadáns con independencia da súa residencia, o cal é endemicamente deficitario polas súas condicións de prestación. 

 Nos últimos oito anos as políticas de recortes en Correos significaron uns 20.000 postos de traballo menos, 1000 puntos menos de atención en pequenos núcleos de poboación -o que afecta máis directamente a Galiza por ter no seu territorio un 50% destes núcleos de poboación- 1113 carteiros/as rurais menos en todo o Estado e un longo etcétera de recortes.  

 Por outra banda, dende a CIG felicitámonos e dámoslle a benvida a esta loita aos sindicatos estatais CCOO, CSIF, UGT e SL, loita que a CIG vén desenvolvendo dende hai moitos anos para reverter esta política de recortes practicada polos sucesivos Gobernos. 

 Dende a CIG continuaremos a loitar por uns servizos postais de calidade e usaremos todo os medios ao noso alcance para ter un correo diario a prezos asequibles no noso país, como por outra banda manda a Directiva Postal Europea e a propia Lei Postal, non desbotando ningún tipo de mobilización para conseguilo.

Serxio Martínez Conde
Secretario nacional- Correos

(R.)

Ningún comentario:

Publicar un comentario