14 de xuño de 2017

GALICIA

Turismo de Galicia promove unha campaña para sensibilizar os peregrinos sobre a seguridade viaria no Camiño de Santiago 

Un folleto editado xunto á Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago e Stop Accidentes distribuirá consellos a camiñantes e ciclistas en varios idiomas

O Plan director do Camiño de Santiago presta especial atención a estas cuestións con medidas como melloras na sinalización ou o establecemento de pasos peonís 

O folleto Peregrina seguro foi presentado no Centro Internacional de Acollida ao Peregrino da capital galega coa presenza do xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez; de Manuel López Vázquez, presidente da AGACS, e de Jeanne Picard Mahaut, secretaria e delegada na Comunidade Autónoma de Stop Accidentes.

Infogauda / Santiago de Compostela

 O xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, presentou hoxe a campaña Peregrina seguro coa que se pretende promover a mellora da seguridade viaria no Camiño de Santiago durante este verán, na época de maior afluencia de peregrinos. Con este obxectivo, ao longo das próximas semanas distribuiranse folletos que ofrecen consellos en diferentes idiomas para axudar a previr posibles accidentes.
 Coa participación da Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago (AGACS) e a delegación en Galicia da Asociación Stop Accidentes, o folleto afonda nunha das liñas estratéxicas do Plan director do Camiño de Santiago, ao redor do cal se teñen desenvolvidas numerosas iniciativas ata o momento. Peregrina seguro pon o foco nos peregrinos a pé e en bicicleta, as dúas fórmulas preferidas para percorrer a ruta xacobea. Aínda que a primeira é a opción máis elixida, o ano pasado decantáronse pola bicicleta preto de 25.500 peregrinos.
 Dado o carácter internacional do Camiño de Santiago, as recomendacións do folleto danse en galego, castelán, inglés, francés, italiano e alemán, de xeito que quedan recollidas as principais linguas faladas nel. Entre outras medidas, aconséllase usar prendas claras ou reflectoras, dado que é moi importante que o peregrino vexa pero tamén que sexa visto polos condutores. Incídese, ademais, na necesidade de mirar antes de cruzar unha estrada e non deterse nela ou se lembra que se debe camiñar contra o sentido da circulación.
 No caso dos ciclistas, sinálase a relevancia de utilizar sempre o casco; circular en grupos de dous en tramos de boa visibilidade; achegarse o máis posible ao borde dereito da estrada e usar a beiravía, ou poñer a maior atención nas curvas e nos cambios de rasante.
 Prevención e divulgación
 O Plan director do Camiño de Santiago presta especial atención a seguridade viaria dos peregrinos, con medidas concretas como a mellora da sinalización ou o establecemento de pasos peonís ou outras vías de tránsito. Este tipo de campañas de divulgación e prevención contribúen a concienciar os peregrinos para mellorar a súa experiencia da peregrinaxe. Engádese a outras como a desenvolvida coa Dirección Xeral de Tráfico ou as organizadas no marco das directrices da Comisión de Seguridade Viaria nos Camiños, co reparto de materiais informativos o cobre-mochilas nos albergues dos diferentes itinerarios.

 O folleto Peregrina seguro foi presentado no Centro Internacional de Acollida ao Peregrino da capital galega coa presenza de Manuel López Vázquez, presidente da AGACS, e de Jeanne Picard, secretaria e delegada na Comunidade Autónoma de Stop Accidentes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario