14 de xuño de 2017

PANXÓN (NIGRÁN)

O PP de Pontevedra reúne a alcaldes e voceiros da provincia en Panxón para analizar o papel das agrupacións locais 

As xornadas de traballo celébranse o venres e sábado baixo o título “As agrupacións locais, o primeiro”. 

Entre os convidados estarán Ana Pastor e o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez. 

Nidia Arévalo, Alberto Pazos, Luisa Piñeiro e María José Pino

Infogauda / Nigrán

 O Partido Popular de Pontevedra celebra este fin de semana as xornadas de traballo “As agrupacións locais o primeiro”, nas que participarán presidentes locais, alcaldes e voceiros de toda a provincia, así como o comité de dirección do partido provincial e os deputados nacionais e autonómicos. Entre os convidados estarán a presidenta do Congreso, Ana Pastor, e o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez. 

 Segundo explicaron esta mañá a vicepresidenta do partido, Nidia Arévalo, a secretaria de organización, Luisa Piñeiro, e o coordinador de organización do PPdeG, Alberto Pazos, as xornadas desenvolveranse o venres e sábado no Centro de Tempo Libre de Panxón, en Nigrán. O primeiro día centrarase en dúas mesas de traballo que analizarán o papel das agrupacións locais e o contacto cos veciños, afiliados e simpatizantes, mentres que a xornada do sábado centrarase nas conclusións e en dar voz aos novos presidentes locais elixidos nos últimos sete meses na provincia. 

 “Estas xornadas son o pistoletazo de saída do noso partido para preparar as municipais de 2019, queremos activar a maquinaria para que o partido estea a punto en cada concello”, destacou Nidia Arévalo. A vicepresidenta sinalou que o obxectivo destas xornadas é “traballar conxuntamente coas agrupacións locais. Queremos que sexan o referente do partido, os que marquen a folla de ruta, pero sobre todo poñer en valor o seu traballo”. 

 Segundo apuntou Luisa Piñeiro, “de Panxón sairemos coas ideas claras e co traballo moi ben estruturado para centrarnos estes dous anos que nos quedan en recuperar a confianza dos cidadáns e, con iso, a maioría das alcaldías da provincia”. 

 Por último, Alberto Pazos destacou que “estas xornadas de traballo encaixan perfectamente co plantexamento que fai Alfonso Rueda, ter a oportunidade de reunirnos, de avaliar o que levamos feito ata o de agora, poñelo en común e de valorar o que temos feito e no que podemos mellorar, para así non só presentar ao PP ás eleccións municipais, senón presentar ao mellor Partido Popular dos posibles”. 

 Estas son as segundas xornadas de traballo que organiza o PP de Pontevedra, as primeiras celebráronse o ano pasado na Illa de San Simón. Segundo sinalaron os populares, despois desa experiencia había unha demanda xeneralizada de repetir o que se considerou un éxito.

Ningún comentario:

Publicar un comentario