21 de xuño de 2017

A GUARDA

O programa "Mulleres en acción. Violencia zero", chegou á vila de A Guarda de mans da artista Ana Arregui 

Esta iniciativa da Deputación de Pontevedra pretende convidar á sociedade á reflexión sobre as agresións machistas e fomentar unha actitude crítica fronte e esta lacra  

A artista Ana Arregui, co alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz; a deputada provincial Montserrat Magallanes Alvarez; a licenciada en Belas Artes, Paula Cabaleiro; e un grupo de escolares, na Praza do reló, unha vez rematada a acción
Fotos: Paula Cabaleiro 

Infogauda / A Guarda

 A deputada provincial, Montserrat Magallanes Álvarez, acompañada polo alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz, asistiu este mércores 21 de xuño, a media mañá, na praza do Reló, a unha nova intervención artística organizada polo programa "Mulleres en Acción. Violencia Zero", do servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra, que ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra a lacra machista así como dar a coñecer o traballo de novas artistas contemporáneas galegas que están a traballar a prol da igualdade.  


                         Ana Arregui dirixíndose o público que asistiu o evento

 Nesta ocasión, diante dunha audiencia formada maioritariamente por escolares e profesores, a encargada da acción - denominada "O sexo forte" - foi a artista sevillana Ana Arregui, un referente a nivel estatal, que a través dunha acción pictórica reflexionou sobre as causas da violencia e da discriminación xeradas polo pensamento biolóxico e social da supremacía masculina e a debilidade feminina.   

                                                               Ana Arregui

 Ana Arregui nace en 1983 en Osuna (Sevilla), aínda que actualmente reside en Madrid. É licenciada en Belas Artes pola Universidade Politécnica de Valencia (UPV) en 2008, cun Máster en Produción Artística, especialidade Arte e Tecnoloxía, cursado tamén na UPV, en 2010. É unha artista multidisciplinar e investigadora. Entre os seus últimos proxectos expositivos destacan No autorretrato (The Trial Project, We Are Fair, Madrid, 2016) e Arqueolejías. Identidades líquidas (Se Alquila/Público, Madrid, 2015). En 2014 participou no programa da feira Cuarto Público en Santiago de Compostela e foi unha das artistas seleccionadas en EstudioAberto#3, Residencias Artísticas (Rede Museística da Deputación de Lugo).  

 Esta iniciativa da Deputación de Pontevedra reúne o traballo de 25 artistas, especializadas en diferentes modalidades como son a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero.  

 Esta edición do programa "Mulleres en Acción. Violencia Zero", que deu comezo de novembro do ano pasado en conmemoración do Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller, ten previsto recalar ó longo do ano en 25 concellos de toda a provincia (Vigo, Pontevedra, Marín, Tomiño, Cambados, Ponteareas, Nigrán, Vila de Cruces, O Porriño, Cuntis, Bueu, Salvaterra de Miño, Soutomaior, Poio, O Grove, A Guarda, Baiona, Caldas de Reis, Vilagarcía de Arousa, Cangas, A Estrada, Silleda, Salceda de Caselas, Meaño e Tui).  

 As actividades programadas pola Deputación de Pontevedra funcionarán como arma de visibilización e de reflexión, para promover una sociedade igualitaria entre homes e mulleres, sen discriminación nin violencia, cos mesmos dereitos e deberes. Estas accións foron organizadas en colaboración conxunta cos concellos participantes e co apoio de asociacións de loita pola igualdade de xénero.

Ningún comentario:

Publicar un comentario