21 de xuño de 2017

A GUARDA

A Consellería do Mar prevé rematar no vindeiro outono as obras de reparación dos danos do temporal no peirao da Guarda 

Portos de Galicia inviste máis de 800.000 na reparación e reforzo do dique e contradique que sufriran derrubes parciais debido ao impacto das ondas

Peixe secando o sol no porto de A Guarda
Foto: Infogauda


Infogauda / A Guarda

 A Consellería do Mar prevé que os traballos de reparación dos danos ocasionados polo temporal do pasado inverno no peirao da Guarda poidan quedar rematados no vindeiro outono. Así o comunicou esta mañá o presidente de Portos de Galicia, o organismo que está a executar os traballos, José Juan Durán, nunha visita á zona, na que reseñou que a actuación inclúe ademais o reforzo desta infraestrutura.
 O ente público está a investir 834.000 euros nesta actuación, que foi tramitada xa no mes de marzo de xeito inmediato tras producirse os danos, por procedemento de emerxencia, aprobado polo Consello da Xunta. Os traballos céntranse na reposición do dique e o contradique de abrigo do porto guardés, que sufriran derrubes parciais debido ao impacto das ondas.
 As obras consisten fundamentalmente na reparación e reforzo do contradique mediante bloques de formigón de 130 toneladas na zona máis próxima ao morro, así como a reposición de bloques de 50 toneladas na zona central e no arranque e o reforzo con escolleira de máis de 5 toneladas da parte interior da dársena. O prazo de execución estimado é de 6 meses, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan e non existan imprevistos.
 Durante a súa visita, Durán explicou que as obras devolverán a estrutura danada ás súas condicións habituais, devolvendo a seguridade e operatividade ao porto e que grazas ao reforzo practicado mellorará a súa estabilidade de cara a futuros temporais. Engadiu tamén que esta é a obra máis destacada das requiridas polos danos do temporal, que supuxeron un investimento total de 1,4 millóns de euros.

Ningún comentario: