29 de maio de 2017

PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA, CONVIDADA A GUINÉ- BISSAU PARA INTERCAMBIAR COÑECEMENTOS SOBRE AGRICULTURA, SEGURANZA VIARIA E EMPRENDEMENTO  

Representantes do país africano, encabezados polo ministro da Administración Territorial, Sola Naquilin, foron recibidos hoxe no Pazo provincial   

O presidente en funcións César Mosquera destacou as sinerxias da lusofonía e as similares características de tamaño e habitantes con Galicia    


De esq. a der.: Sola Naquilin Nabitchita, Ministro da Administración Territorial e o presidente en funcións, César Mosquera
Fotos: D.P.

Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra foi hoxe convidada formalmente polo Ministro de Administración Territorial de Guiné-Bissau a visitar o país africano para intercambiar coñecementos sobre agricultura, emprendemento, e seguranza viaria. O presidente en funcións, César Mosquera, recibiu a representantes dunha comitiva oficial, e destacou as sinerxias da lusofonía entre Galiza e o estado africano, así como as características comúns en canto a tamaño e número de habitantes.   

O presidente en funcións, César Mosquera, recibiu a representantes dunha comitiva oficial de Guiné-Bissau 

 Na súa visita á Deputación, a delegación de Guinea estivo formada por Sola Naquilin Nabitchita, Ministro da Administración Territorial; Micailo Biai, director de servizos de Licenciamento e Incentivos ao Investimento; Mahalam Mane, director xeral de Gobernación e Desenvolvemento Local; Angela Abdula, asesora técnica principal Gobernación e Desenvolvemento Local e Iván Arizcurinaga Vásquez, consultor de Gobernación e Desenvolvemento Local. Todos eles interesáronse polo traballo da Deputación e visitaron o viveiro de empresas de Barro-Meis, xa que se mostraron atraídos polas incubadoras de empresas impulsadas por entidades locais; e tamén a Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), onde coñeceron o traballo que o laboratorio realiza tecnicamente co sector agrícola adaptando os cultivos ao solo e ao clima e loitando contra as pragas de xeito biolóxico, segundo lles explicou a deputada delegada Eva Vilaverde.  

 O vicepresidente Mosquera destacou que Guinea Bissau é un país cun área lingüística moi próxima á Galiza e con 1,6 millóns de habitantes fronte aos dous millóns galegos, a un tempo que a extensión territorial é similar, e tamén conta cunha grande superficie de costa. “Teremos que cadrar axendas e ver as temáticas máis interesantes a desenvolver: a pesca, a acuicultura, a agricultura, pero tamén os viveiros e polígonos industriais e tamén a seguranza viaria, xa que polos datos que teño, é un país cunha grande sinistralidade ao que seguro que o que levamos traballado en Pontevedra é de interese. Haberá que ver os interlocutores, porque seguro que os concellos de Pontevedra e Vigo poden estar implicados”, subliñou.   
 Pola súa banda, Sola Naquilín, agradeceu a recepción e subliñou que a de Galiza é a súa primeira visita internacional, tendo escollido o país galego polas súas características –como xa dixera o presidente en funcións-, así como pola urbanización e a división de cidades que presenta. Lembrou que o 60% da súa economía procede da agricultura e da pesca, pouco máis do 10% da industria e o 30% do sector servizos e da construción, polo que se mostrou receptivo a calquera asesoramento que promova o desenvolvemento destas áreas. Neste sentido mostrou especial interese polo desenvolvemento da acuicultura, que en Guinea ten case nula implantación.  

 Xornadas do Fondo de Cooperación 
 A delegación do Goberno de Guiné-Bissau vén a Galicia para asistir ás xornadas ‘Os retos da cooperación municipalista na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible’ que organiza o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade ao que a Deputación de Pontevedra se adheriu por acordo plenario en marzo. Hai que lembrar que aDeputación comprometeuse a promover progresivamente investir o 0,7% como mínimo do orzamento a políticas de cooperación internacional cos países menos desenvolvidos.  

 Estas xornadas vanse levar a cabo en Santiago, onde o mércores 31 de maio intervirá persoal experto das Nacións Unidas, do Instituto Hegoa da Universidade do País Vasco, e tamén da Comunidade Valenciana.   

 Aproveitando a súa viaxe, a delegación de Guiné-Bissau vai visitar tamén o viveiro da Cámara de Comercio e Santiago, o Concello de Lugo, e coñecerá tamén o traballo da Axencia de Desenvolvemento Local de Galiza.

Ningún comentario:

Publicar un comentario