29 de maio de 2017

DEPORTES

HOCKEY LIÑA

A GUARDA HOCKEY LIÑA VENCE E CONVENCE

A Guarda Hockey Liña
Foto: A.G.H.L.


Miguel Fernández Lomba / A Guarda

 O equipo guardés A Guarda Hockey Liña afrontaba en Bouzas a derradeira Sede de Liga Galega de Hockey Liña dependendo de sí mesmos para acadar o punto necesario para acadar os playoffs da categoría masculina.  

 O primeiro encontro enfrontaba os da Guarda co Lóstregos HL de Lugo, campións da Liga Regular e ata o momento imbatidos na Liga Galega de Hockey Liña. Os rapaces de A Guarda Hockey Liña foron quen de facer un partido moi serio e amosaron efectividade de cara a porta rival. Compre destacar o bo partido do meta local Álex Baz que atrapou unha e outra vez os tiros do equipo lucense. 

 O marcador final foi de 1-4 a favor dos guardeses quedando así clasificados matemáticamente para os playoffs polo título. 

 Xa sen nada en xogo o segundo partido enfrontaba os da Guarda cos rapaces do Brigantium HL de Arteixo, que se puxeron por diante no marcador nos primeiros compases do xogo e lograron marcar un segundo gol mediada a primeira parte. 

 Na segunda os da Guarda nunca perderon a fe, e a pesares de quedar sen cambios debido a dúas desafortunadas expulsións, conseguiron remontar o resultado nuns cinco minutos finais máxicos que fixeron vibrar o público asistente. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario