31 de maio de 2017

A CAÑIZA

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA INICIARÁ A REFORMA DO CONTORNO DO SANTUARIO DA FRANQUEIRA DESPOIS DA ROMARÍA DAS PASCUILLAS  

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez asegura que a autorización final de Patrimonio chegou hai apenas nove días, despois dun ano e varios meses de espera  

As brigadas de conservación das vías provinciais están a rozar as estradas para garantir a seguranza viaria aos romeiros  


Estado no que se atopa hoxendía o acceso o santuario de A Franqueira
Fotos: D.P.

Infogauda / A Franqueira (A Cañiza)

 A Deputación de Pontevedra iniciará a reforma do contorno do santuario de A Franqueira despois da romaría das Pascuillas que se celebrará o vindeiro luns 5 de xuño. Segundo asegura o deputado provincial de Mobilidade Uxío Benítez, a autorización definitiva de Patrimonio, obrigatoria para iniciar os traballos, apenas chegou á institución provincial hai nove días (o 22 de maio), polo que se optou por iniciar as obras xusto despois das festas e permitir o desenvolvemento da romaría con normalidade.
   
A mellora do contorno do santuario consistirá no soterramento das liñas eléctricas e de telefonía, así como en cambiar o pavimento actual de asfalto por outro de maior entidade, con lastro de pedra en cantos rodados, na rúa principal


 Segundo indica Benítez, a mellora do contorno do santuario consistirá no soterramento das liñas eléctricas e de telefonía, así como en cambiar o pavimento actual de asfalto por outro de maior entidade, con lastro de pedra en cantos rodados, na rúa principal. Así mesmo, mellóranse os miradoiros, o ‘Coto da vella’, o Viacrucis, o cemiterio e o lavadoiro e inclúense cambios na sinalización turística. Esta ‘actuación singular’, que conta co visto bo do Concello, fora deseñada por unha asistencia técnica contratada polo anterior goberno provincial. Dende o novo executivo foi preciso iniciar a tramitación da autorización de Patrimonio, que non fora xestionada con anterioridade. As obras teñen un orzamento de 251.115,73 euros e adxudicáronse en novembro de 2015 cun prazo de execución de 2 meses. 

Proxecto da Deputación de Pontevedra para a mellora do contorno do santuario

 En marzo de 2016 xa se realizou unha parte da actuación (a mellora duns treitos e camiños de acceso) que, pola súa localización e  ao non afectar a elementos protexidos, non precisaba de autorización autonómica de Patrimonio. Agora iniciarase a parte restante da obra que estaba condicionada polos informes da Dirección Xeral de Patrimonio. Este departamento autonómico dera unha autorización inicialcondicionada en xuño de 2016. A Deputación presentou o Proxecto de Control Arqueolóxico e o Proxecto de Escavación Arqueolóxicas en xullo de 2016, mais non tivo contestaciónata marzo de 2017 requirindo información adicional, que tamén foi enviada de xeito inmediato por parte da Deputación. As autorizacións finais para a intervención arqueolóxica na Neveira dos frades non chegaron ata o 25 de abril de 2017,e o 22 de maio para as sondaxes arqueolóxicas en Santa María da Franqueira, é dicir, un ano e varios meses despois de ter sido solicitadas.   
Rozas nas estradas provinciais 

 No contorno da Franqueira, no Concello de A Cañiza, existen diversas vías de titularidade provincial que serán percorridas con motivo das Pascuillas o luns 5 de xuño. O Servizo de Mobilidade e máis concretamente as brigadas de conservación dos viais provinciaisprograman anualmente a roza das estradas provinciais para que estean en boas condicións de seguranza viaria para as persoas que transitan por elas de forma periódica e, especialmente, para os eventos singulares como o da vindeira semana.   

 Así, este ano xa se realizaron traballos de roza do 4 ó 9 de maio na estrada EP-5107 Covelo – Paraño; do 10 ó 11 de maio na estrada EP-4304 Meirol – Enlace Autovía; do 12 ó 22 de maio na estrada EP-5101 Franqueira – Cebreiro e o seu contorno; do 23 ó 26 de maio na estrada EP-5102 Lamosa – Franqueira – Achas. Nestes días estanse a realizar as rozas na estrada EP-4303 Mondariz – Meirol e mañá e pasado será a quenda da estrada EP-5101 Covelo – Lamosa. Por todo elo, segundo indica o deputado Benítez, estímase que na data de 5 de xuño as estradas provinciais atoparanse nun correcto estado de mantemento.

Ningún comentario:

Publicar un comentario