31 de maio de 2017

GALICIA

O Himno por Andrea Pousa conmemora o centenario do pasamento de Pondal 

O compostelán Pazo de San Roque acolleu a presentación do novo proxecto audiovisual producido por Queiman e Pousa con arranxos de Nani García

Contou coa participación de Valentín García, Antonio Rodríguez Miranda e Blanca García-Señoráns

O compostelán Pazo de San Roque acolleu hoxe pola mañá o acto de presentación, no que participaron, canda aos seus autores, Enrique Domínguez (O Bruxo Queiman) e Andrea Pousa, os secretarios xerais de Política Lingüística e da Emigración, Valentín García e Antonio R. Miranda, respectivamente, e mais a directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Blanca García-Señoráns.

Infogauda / Santiago de Compostela

 O novo proxecto audiovisual O Himno por Andrea Pousa, producido por Queiman e Pousa con arranxos de Nani García, conmemora o centenario do pasamento de Eduardo Pondal, autor da súa letra, e o cento décimo da estrea do himno galego no Teatro Nacional da Habana. O compostelán Pazo de San Roque acolleu hoxe pola mañá o acto de presentación, no que participaron, canda aos seus autores, Enrique Domínguez (O Bruxo Queiman) e Andrea Pousa, os secretarios xerais de Política Lingüística e da Emigración, Valentín García e Antonio R. Miranda, respectivamente, e mais a directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Blanca García-Señoráns.
 García Gómez sinalou durante a súa intervención que “Galicia ten himno e escudo de seu. Iso di o artigo sexto do noso Estatuto de Autonomía. Estes son, xunto coa bandeira, os símbolos nos que todos os galegos e galegas nos recoñecemos. Mais o himno ten unha particularidade que o une dunha maneira especialmente estreita á cerna de Galicia: está feito de música e de palabras, é poesía, poesía en galego”.
 O titular de Política Lingüística destacou que “se fala moito hoxe en día da importancia da imaxe pero a palabra poética pode ser igualmente impactante e emotiva. E a lingua, que unha persoa pode levar consigo sen que aumente o peso da maleta mesmo na longa travesía da emigración, é un elemento identitario fundamental. O himno galego únenos a todos os galegos e galegas. Aos de Galicia e aos da emigración”.
 Creación orixinal e única do pobo galego
 Valentín García explicou que o himno é elemento de unión porque “está escrito na lingua en que todos nos recoñecemos, a lingua que é creación orixinal e única do pobo galego”, ademais de polo feito de que “se xestou e se estendeu como himno identificador noso co empuxe dos galegos de Galicia e dos galegos de América”. Deste xeito, o secretario xeral de Política Lingüística concluíu que “é de agradecer este proxecto ,que coloca no seu centro o himno galego, a divulgación da súa xestación e historia e unha interpretación renovada da composición que nos permite recordar máis vivamente as súas mensaxes de unión e de futuro”.
 O acto, que foi conducido polo xornalista Terio Carrera, tamén contou coa participación do presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; do compositor, músico e produtor musical Nani García; do presidente da Asociación Santo André de Teixido, Ramón Tudela Guerrero; do presidente da Fundación Eduardo Pondal, Xosé Lois García; e do cronista oficial de Mondoñedo, Antonio Reigosa.
 Un documental, dous videoclips e un libro
 O proxecto audiovisual O Himno por Andrea Pousa está producido por Queiman e Pousa (Enrique Domínguez) e Andrea Pousa e revisa e actualiza o himno galego composto por Eduardo Pondal e Pascual Veiga con arranxos musicais de Nani García. Inclúe un documental, dous videoclips, un making of e unha unidade didáctica para ensino primario e secundario.
 O documental está baseado en entrevistas con diferentes fundacións de autor galegas (Eduardo Pondal, Curros Enríquez, Rosalía de Castro...) e a destacados persoeiros da cultura e da lingua galegas (Xesús Alonso Montero, Xosé Luís Méndez Ferrín, Antonio Reigosa...). Os videoclips conteñen a interpretación do himno galego por Andrea Pousa, acompañada pola Macedonian Symphonic Orchestra e outros músicos de Galicia, con arranxos de Nani García.
 Pola súa banda, o making of dá conta das diferentes rodaxes e visións sobre o novo proxecto, mentres que o libro recompila información acerca da historia do himno a través doutras 18 entrevistas. O proxecto conta coa colaboración da Xunta de Galicia por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Ningún comentario:

Publicar un comentario