17 de mar. de 2017

VALENÇA DO MINHO

A directora de Turismo de Galicia participou na inauguración do Festival Gastronómico ‘Sabores da Lampreia’ de Valença 

Nava Castro destaca a importancia turística da lamprea a das súas artes de pesca polo seu alto valor diferencial 

Resalta a aposta de Turismo de Galicia polo impulso deste recurso coa posta en marcha da Ruta da Lamprea  Afirma que este novo produto diferenciador de Galicia potencia a oferta turística da nosa Comunidade  

Sinala que Portugal e Galicia comparten numerosos atractivos turísticos que unen as dúas rexións nunha oferta diversificada e de calidade  

Infogauda / Valença do Minho

 A directora de Turismo de Galicia destacou hoxe a importancia da lamprea a das súas artes de pesca como recurso endóxeno con alto valor diferencial e gran potencial turístico. Nava Castro fixo estas declaracións durante a inauguración do Festival Gastronómico ‘Sabores da Lampreia’ que da comezo hoxe en Valença (Portugal).
 A responsable de Turismo da Xunta explicou que a fama da que goza a lamprea a nivel internacional, non só é atribuíble á calidade do produto, senón tamén á forma artesanal da súa captura. “Tanto as pesqueiras como as artes de pesca son elementos tradicionais e singulares do territorio e da paisaxe que integran o patrimonio material e inmaterial dos concellos, constituíndo elementos de gran atractivo turístico”, afirmou.
 Neste senso, Nava Castro destacou a aposta de Turismo de Galicia polo impulso deste recurso coa posta en marcha da Ruta da Lamprea, un itinerario que pon en valor os principais recursos naturais, gastronómicos e culturais galegos ao redor dos labores de pesca e a gastronomía deste singular peixe que persistiu ao longo dos anos no noroeste peninsular, habitando no Río Miño dende fai máis de 500 millóns de anos.
 A directora de Turismo de Galicia sinalou que este produto turístico diferenciador de Galicia dá a coñecer o importante patrimonio que rodea a este peixe e á súa captura, mostrando aos visitantes desde as artes de pesca, como as pesqueiras ou as estacadas, ata recursos naturais e culturais, como miradoiros, paseos, pontes ou capelas, entre outros elementos. Así mesmo, destacou que a ruta ofrece multitude de restaurantes que permiten degustar este manxar de maneiras moi diversas.
 Con todo, a Ruta da Lamprea constitúe un novo produto que potencia a oferta turística dos dezaoito municipios que integra ao aglutinar numerosos recursos que conxuntamente constitúen un gran atractivo”, afirmou Nava Castro.

Vínculo a través dos recursos turísticos

 Así mesmo, a responsable de Turismo da Xunta resaltou que son moitos os recursos turísticos que comparten Galicia e Portugal entre os que salientou, ademais da lamprea, a gastronomía, a enoloxía, o turismo cultural e o Camiño Portugués, ao cal se referiu como o produto estrela que reforza este vínculo ao constituír un trazado que transcorre entre os dous territorios ata a súa culminación en Santiago de Compostela.
 Neste senso, Nava Castro explicou que todos estes produtos teñen unha forte ligazón coas nosas culturas e unen as dúas rexións nunha oferta diversificada e de calidade que pon en valor a tradición e as costumes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario