17 de mar. de 2017

DEPORTES

O acto tivo lugar no Centro Galego de Tecnificación Deportiva e contou coa presenza do vicepresidente da Xunta e do presidente do CSD 

A secretaria xeral describe a Lourdes Domínguez e David Gómez como “exemplo e orgullo” de Galicia no día que reciben a medalla de bronce da Real Orde do Mérito Deportivo 

Destaca ao Centro Galego de Tecnificación Deportiva como “o mellor lugar para que dous galegos sexan distinguidos coa Real Orde do Mérito Deportivo pola súa contribución ao deporte coa súa práctica e os seus éxitos

Anima a federacións e deportistas a seguir traballando “para que moitos máis galegos sexan recoñecidos coa máis alta distinción que se outorga ao deporte en España”  

Infogauda / Pontevedra

 A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, asistiu no serán de hoxe ao acto de entrega da medalla de bronce da Real Orde do Mérito Deportivo por parte do presidente do Consello Superior de Deportes, José Ramón Lete Lasa aos deportistas galegos Lourdes Dominguez e David Gómez. No acto, no que tamén estiveron presentes o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, a máxima responsable do deporte galego destacou ás figuras da tenista e do decatleta como “exemplo e orgullo” de Galicia, no día que reciben unha distinción que é “o recoñecemento de todo un país”.
 “Sodes exemplo para as xeracións máis novas, que verán en vós referentes e calidades inherentes ao deporte” e “sodes orgullo para os que coñecemos de preto o mundo do deporte pero tamén para toda a sociedade galega en xeral”, dixo a secretaria dirixíndose aos premiados.
 Marta Míguez destacou ao Centro Galego de Tecnificación Deportiva -“que representa a excelencia competitiva do deporte galego”- como “o mellor lugar para que dous galegos sexan distinguidos coa Real Orde do Mérito Deportivo pola súa contribución ao deporte coa súa práctica e os seus éxitos”.
 Nas súas verbas, a titular de Deporte animou a federacións e deportistas a seguir traballando “para que moitos máis galegos sexan recoñecidos coa máis alta distinción que se outorga ao deporte en España” e poder unirse a unha longa lista na que tamén comparecen Begoña Fernández, Támara Echegoyen, David Cal, Jesús Carballo, Teresa Portela ou o propio José Ramón Lete.

 Lenda

 Lourdes Domínguez, natural de Pontevedra e retirada en 2016, foi a primeira tenista galega en gañar un torneo da WTA e en clasificarse entre as 50 primeiras xogadoras de tenis do mundo. 

 Pola súa banda, David Gómez (O Rosal) gañou seis campionatos absolutos de España de decatlón antes da súa retirada da competición en 2013.

Ningún comentario:

Publicar un comentario