08/02/2017

PONTEVEDRA

AREEIRO RECOMENDA TRATAR AS ÁRBORES DANADAS POLOS TEMPORAIS PARA EVITAR A ENTRADA DE PATÓXENOS

Os técnicos da Estación Fitopatolóxica subliñan que as choivas favorecen as infeccións sobre todo nos cítricos, froiteiras e o buxo  

Polo de agora non se ten detectado a couza da pataca en ningún concello da provincia de Pontevedra


Infogauda / Pontevedra

 A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de publicar un aviso fitosanitario no que aconsella tratar canto antes as árbores danadas polo temporal para evitar a entrada de patóxenos. Así mesmo, con motivo das choivas e a elevada humidade existente, advirte da necesidade de actuar sobre todo nos cítricos, froiteiras e o buxo para evitar infeccións.   

 Segundo explica a técnica Rosa Pérez, responsable da Unidade de Artrópodos, moitas árbores sufriron roturas de ramas de grandes dimensións acompañadas de rachos irregulares que, ou ben afectan a parte do fuste ou tronco, ou ben deixan un toco que pode podrecer co paso do tempo. O consello fitosanitario, pois, indica que os rachos deben ser limpados e reparados e os tocos eliminados, aplicando despois destas operacións produtos cicatrizantes con funxicidas para evitar a entrada de patóxenos a través das feridas.   

 En canto aos cítricos, Pérez explica que as choivas e humidade favorecerán as infeccións por patóxenos moi ligados á auga (como a Phytophthorahibernalis), polo que indica  que é moi importante recoller tanto os froitos caídos ao chan como os podres que permanecen na árbore e destruílos para evitar novas contaminacións. Tamén se debe evitar calquera acumulación de auga no contorno das raíces, favorecendo a saída mediante zonas de drenaxe. Proponse tamén a posibilidade de actuar preventivamente nos limoeiros ou mandarinos, laranxeiros ou pomelos con diferentes produtos específicos.  

 Para as froiteiras en xeral -tanto nas de pebida como nas de óso ou no kiwi- sublíñase que será conveniente, tan pronto o clima o permita, aplicar un dos tratamentos cúpricos que se recomendan no inverno. 

 Sobre o buxo, advírtese que as mesmas condicións de elevada humidade poden favorecer  o desenvolvemento do fungo Cylindroclaudiumbuxicola, que causa serias defoliacións nestas plantas. “Por este motivo débese incrementar a vixilancia sobre as sebes de buxo,  retirando posibles follas secas e favorecendo a aireación das plantas. Se ademais se detectasen síntomas da presenza do fungo, débese aplicar un tratamento funxicida, destaca.  

 Couza da pataca 
 A Estación do Areeiro está a recibir consultas de diferentes agricultores sobre a ‘couza guatemalteca da pataca’ (Scrobipalpopsissolanivora) da que nestes días se está a falar nos diferentes medios de comunicación.  

 Os técnicos aseguran que “de momento esta praga non está detectada en ningún concello da provincia de pontevedra, e de feito a súa presenza está restrinxida a 31 concellos do norte das provincias de A Coruña e Lugo”. Remiten, así mesmo, as consultas para coñecer os concellos afectados no enlace ao DOGA do luns 6 de febreiro.

Ningún comentario: