8 de feb. de 2017

GASTRONOMÍA

O goberno de Carmela Silva felicita ós creadores de "Cociñando na fin do mundo", gañador do premio de xornalismo gastronómico Álvaro Cunqueiro 

A longametraxe, que se impuxo a outros 32 traballos, foi patrocinada pola Deputación de Turismo Rías Baixas na súa presentación no Festival de Málaga  


Infogauda / Pontevedra

 A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, vén de amosar a súa satisfacción polo resultado da nova edición do Premio de Xornalismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro, concedido polo concello de Lalín no marco das actividades da súa Feira do Cocido, que este ano foi parar á peza documental "Cociñando na fin do mundo". O filme, que contou co patrocinio da institución e o destino Turismo Rías Baixas no Festival de Málaga e que colabora na súa difusión, está dirixido polo vigués Alberto Baamonde e producido por Esmerarte Industrias Creativas.  

 Carmela Silva asegurou que "este galardón é unha testemuña máis do acertada que foi o noso apoio a esta marabillosa peza, á cal acompañamos na pasada edición do Festival de Cinema de Málaga, dentro da nosa aposta pola proxección das posibilidades turísticas da provincia de Pontevedra a través da cultura e do fomento do turismo cultural, que é un dos eidos que máis visitantes nos achega ao longo de todo o ano".  

 No documental, un retrato da nova cociña galega a través dos cociñeiros e cociñeiras do Grupo Nove que ademais percorre as paisaxes das Rías Baixas nos que estes se inspiran, "tanto se recollen imaxes espectaculares do noso patrimonio natural como se amosa a calidade da nosa gastronomía, un elemento estreitamente ligado á nosa provincia e que é sinónimo de calidade", sinalou a Presidenta provincial. Precisamente, continuou Carmela Silva, "é esa calidade que amosa e a calidade coa que esta peza foi realizada o maior motivo de orgullo para o noso Goberno pola concesión deste premio, que nos fai pensar que a decisión do xurado do Álvaro Cunqueiro non puido ser máis acertada".  

 "Cociñando na fin do mundo" impúxose a outros 32 traballos presentados ao certame xornalístico Álvaro Cunqueiro. A través das reflexións dos e das chefs do Grupo Nove, e coa participación de produtores, produtoras e outros e outras profesionais, o documental aborda o presente e o futuro da cociña galega. Ao longo da película amósanse tamén receitas tradicionais como o cocido, os viñedos da Denominación de Orixe Rías Baixas, a pesca da lamprea, a horta aromática da finca de Pepe Vieira ou o traballo da Misión Biolóxica, que produce variedades como o chícharo lágrima.  

 A Deputación de Pontevedra presentou en abril de 2016 o filme na segunda xornada do "Gastroweekend" no marco do Festival de Cine de Málaga. Co aforo completo, os e as presentes puideron coñecer a "revolución gastronómica" –tal como a definiu o director Alberto Baamonde- que se está producindo en Galicia mediante a combinación de tradición e vangarda, ademais de degustar elaboracións de Pepe Solla e Javier Olleros, compoñentes do Grupo Nove e galardoados con cadansúa estrela Michelín.

Ningún comentario:

Publicar un comentario