7 de feb. de 2017

PONTEVEDRA

222 ASPIRANTES FORMALIZAN A SÚA PARTICIPACIÓN NA SEGUNDA CONVOCATORIA DAS BOLSAS DE MESTRAS E MESTRES COMPOSTEIROS  

A lista definitiva de admitidos publicarase a primeiros da vindeira semana   

Na imaxe, participantes nos exames de mestres composteiros de 2015
Foto: D. P.

Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra vén de recibir 222 solicitudes para participar no proceso de selección da segunda convocatoria das bolsas para mestras e mestres composteiros que puxo en marcha a institución ao abeiro do Plan Revitaliza. Faltan aínda por contabilizar algunhas inscricións enviadas por correo certificado e aquelas que se presentaron noutras administracións a través do 'portelo único', que aínda non chegaron ao organismo provincial.   

 O departamento de Recursos Humanos da Deputación está xa revisando toda a documentación presentada polos aspirantes e, ata o de agora, a porcentaxe de excluídos é moi baixa. Prevese que a lista de admitidos estea publicada como moi tarde o vindeiro luns. A partires de aí seguirase coa tramitación administrativa correspondente e,  no caso de haber algún tipo de reclamación, daráselle resposta. A intención é que a proba eliminatoria, un exame tipo test de 100 preguntas, se realice entre finais de febreiro e primeiros de marzo nas instalacións de Príncipe Felipe, como se fixera na primeira convocatoria. A data definitiva comunicarase oficialmente nos vindeiros días.   

 A dotación económica das bolsas ascende a 1.400 euros ao mes, que inclúen gastos por dietas e desprazamentos. A duración das bolsas será de seis meses dende a súa incorporación prorrogables ata un máximo dun ano. Durante ese tempo os bolseiros serán responsables do mantemento e xestión dos centros  de compost comunitarios da Deputación de Pontevedra, así como animadores da compostaxe como sistema de tratamento de lixo nos diferentes concellos da provincia.  

 Tres probas 
 Para a selección dos bolseiros constituirase unha comisión que estará integrada por un xefe de servizo, un funcionario técnico superior e o secretario da Deputación. O proceso desenvolverase en tres fases.   

 A primeira será un exercicio tipo test de carácter eliminatorio con 100 preguntas e catro respostas alternativas -relacionadas con cinto temas sobre os residuos orgánicos de tipo doméstico-. Neste exercicio o tribunal determinará a puntuación que se require para superar a proba, en función da complexidade técnica das preguntas ou do número de aspirantes presentados. Terá unha puntuación de 100 puntos. 

 A segunda fase consistirá nunha entrevista persoal de carácter obrigatorio e non eliminatorio que versará sobre o currículo, obxectivos profesionais ou dispoñibilidade, que permitirá comprobar a preparación dos candidatos. Terá unha puntuación de 20 puntos. 

 A terceira fase consistirá no curso de formación, de carácter obrigatorio e eliminatorio, cunha duración de catro semanas. Os aspirantes deberán superar as materias impartidas ao longo do propio curso, que terá módulos avaliados polos profesores correspondentes e dos que se extraerá unha media ponderada como nota final.  

 Finalizado o curso, a comisión seleccionadora proporá a adxudicación das 15 bolsas convocadas aos aspirantes que obtivesen a maior puntuación no curso de formación da ‘Facultade da Compostaxe’.  

 Esta nova convocatoria de bolsas para mestras e mestres composteiros vén de realizarse dado que o persoal en prácticas actual finaliza a súa relación coa Deputaciónentre os meses de maio e xuño deste ano. A intención, segundo indicou o vicepresidente Mosquera, é que o novo persoal do Plan Revitaliza poida estar seleccionado nesa data. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario