14 de feb. de 2017

PONTEVEDRA

Carmela Silva subliña como "unha gran noticia" que unha muller sexa a nova subdelegada do Goberno na provincia 

A presidenta da Deputación e Ana María Ortiz coinciden en manter unha relación institucional de "matrícula de honra"  

Ana María Ortiz, subdelegada do Goberno na provincia, e Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra
Foto: D. P.


Infogauda / Pontevedra


 A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, salientou que espera manter unha relación aínda mellor se cabe coa nova subdelegada do Goberno na provincia, Ana María Ortiz, que hoxe visitou a institución provincial na súa xira de presentación ante as autoridades da provincia.  

 Carmela Silva subliñou que co anterior subdelegado do Goberno, Antonio Coello, a relación institucional foi de "sobresaínte" e que espera que coa nova subdelegada sexa aínda mellor, "de matrícula de honra", sinalou.  

 A presidenta da Deputación destacou a importancia de que, por primeira vez na historia, este cargo sexa ocupado por unha muller; "é moi importante que se visibilicen as mulleres en postos de importancia. Para min é unha gran noticia". Silva anunciou a máxima colaboración institucional, que xa estaba alcanzada co anterior subdelegado.  

 Por outra parte, a presidenta tamén subliñou como unha das prioridades na que ambas  coinciden a loita contra as violencias machistas, que a propia subdelegada destacou, na súa toma de posesión, como uno dos seus principais traballos na Subdelegación, "máis nestes días coas cifras que temos nos meses de xaneiro e febreiro", concluíu Silva.  

 Pola súa banda, Ana María Ortiz mostrouse tamén favorable a manter unha "extraordinaria relación institucional" coa Deputación de Pontevedra e a, desde hoxe, con esta primeira visita, "poñerse ao servizo da presidenta".

Ningún comentario:

Publicar un comentario