Alumnos do obradoiro de emprego Terras do Miñor V ofrecen un xantar por San Valentín a 60 veciños
A Xunta de Galicia destina preto de 180.000 euros a esta iniciativa mixta de formación e emprego que conta con dúas especialidades: Cociña e Restaurante-Bar
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ignacio López-Chaves, visitou esta mañá, xunto ao alcalde de Baiona e presidente da Mancomunidade do Val Miñor, Ángel Rodal, aos 20 alumnos e alumnas da comarca que, dende o pasado mes de decembro, están a recibir formación e emprego
Infogauda / Nigrán
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ignacio López-Chaves, visitou esta mañá, xunto ao alcalde de Baiona e presidente da Mancomunidade do Val Miñor, Ángel Rodal, aos 20 alumnos e alumnas da comarca que, dende o pasado mes de decembro, están a recibir formación e emprego a través do obradoiro Terras do Miñor V na Residencia de Tempo Libre de Panxón.
Esta iniciativa mixta de formación e emprego conta con dúas especialidades: operacións básicas de cociña e servizos de restaurante e bar para que as 20 persoas desempregadas aprendan e traballen de forma práctica nunha ocupación encamiñada ao sector da hostalería. Os obxectos de actuación deste programa son a elaboración de comidas e servizo de restaurante para o comedor social da Mancomunidade; actos socioculturais e/o deportivos; exaltación de produtos típicos da zona e limpeza de instalacións de titularidade municipal ou preparación de bebidas, mesas para actos dos concellos. O persoal a cargo do curso está formado por un director, un titor, dous docentes e persoal administrativo de apoio.
No día de hoxe e dentro das actividades programadas, os alumnos e alumnas ofrecían un xantar por San Valentín a un total de 60 veciños e veciñas dos tres concellos da comarca que quixeron celebrar esta data. Na visita, que comezou cun cóctel de benvida para pasar despois a un completo almorzo adaptado a esta data especial, tamén estivo presente o rexedor de Gondomar, Francisco Ferreira, e responsables do goberno local de Nigrán.
Coma sinalou o delegado, a Xunta destina preto de 180.000 euros a este programa para a Mancomunidade do Val Miñor, sendo xa a quinta edición na que se outorga esta iniciativa mixta. Esta formación impulsa tamén o emprendemento xa que os beneficiarios recibirán formación específica que lles permitirá iniciar os seus propios proxectos. Ademais de recibir esta formación tamén percibirán o salario mínimo interprofesional e un certificado de profesionalidade ao remate do mesmo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario