9 de feb. de 2017

LABORAL

Convocan folga na estiba a nivel estatal para rexeitar a liberalización do sector 

A CIG denuncia que o Goberno español quere modificar a normativa en beneficio das grandes empresas

   Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 Os sindicatos con representación no sector da estiba, entre eles a CIG, veñen de anunciar a convocatoria de tres xornadas de folga na Sociedad Anónima de Gestión de Estibadores Portuarios (Sagep) a nivel estatal para rexeitar o decreto lei do Goberno español que liberaliza a actividade de carga e descarga de mercadorías nos portos. Dende a central nacionalista denuncian que con este cambio de normativa perséguese beneficiar as grandes empresas en detrimento das condicións laborais dos traballadores/as.  

 As centrais CIG, CETM, CCOO, UGT e CGT decidiron promover os paros que se desenvolverán durante as horas impares (dende as 8.00 horas até as 8.00 horas) dos vindeiros días 20, 22 e 24 de febreiro para amosar o seu rexeitamento á liberalización do sector mediante un decreto lei do Ministerio de Fomento “co que se pretende beneficiar as grandes empresas e desregular as condicións laborais para converter os portos nun gran negocio”.

 Segundo denuncian, a reforma que ultima o Goberno español suporá que os actuais contratos indefinidos dos estibadores se tranformarán en postos de traballo precarios, xa que as empresas poderán substituír libremente un 25%, 50% e 75% dos cadros de persoal durante os vindeiros tres anos. “Queren acabar coa regulación labroal para facer dos portos un novo negocio para as grandes compañías, favorecendo os monopolios en contra do conxunto da sociedade, cando os portos deberan ser para crear riqueza e non miseria”, censuran dende a FGAMT-CIG.

 Ao mesmo tempo, lembran que o decreto lei que quere impoñer o Ministerio chega cando os traballadores/as e a patronal se atopaban no proceso de elaboración dun documento conxunto de reforma da lei para adaptala á sentenza do Tribunal Europeo que establece a liberalización do sector. Este acordo previo, que ficou truncado tras o anuncio do ministro, contemplaba un plan de reestruturación a sete anos, a subrogación do persoal ou a creación dun rexistro de estibadores.  

 Pola contra, os sindicatos entenden que a proposta do Goberno central supón na práctica “un ERE encuberto, pagado con cartos públicos, que suporá a posta en marcha dun modelo no que as empresas poderán contratar libremente e indemnizarán os despidos con fondos públicos das Autoridades Portuarias”.  

 A folga podería ampliarse  
 Diante disto, apostan pola convocatoria destas tres xornadas de folga -que poderían ampliarse no caso de que non haxa acordo- para reclamar o restablecemento do diálogo na negociación da modificación do réxime xurídico de prestación do servizo de manipulación de mercadorías e a relación xurídico laboral dos estibadores portuarios, sen que supoña a diminución do ámbito funcional do servizo ou a perda de postos de traballo en actividades comerciais complementarias.  

 Tamén demandan a creación dun rexistro portuario para cuxo acceso se requira exclusivamente unha cualificación profesional específica da estiba e a superación das probas de acceso pactadas entre as partes e que as entidades encargadas da xestión da man de obra sexan empresas estibadoras con licenza de cada Autoridade Portuaria. Finalmente, esixen que todas as empresas estibadoras acorden subscribir un compromiso de subrogación da totalidade dos traballadores/as portuarios que prestan servizo na actualidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario