9 de feb. de 2017

LABORAL

Persoal das residencias privadas da terceira idade reclaman un convenio xusto 

A CIG, CCOO e UGT desenvolveron unha concentración diante das oficinas de Geriatros en Vigo

Traballadores/as de residencias privadas da terceira idade chegados dende distintos puntos do país desenvolveron hoxe unha concentración en Vigo
Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 Traballadores/as de residencias privadas da terceira idade chegados dende distintos puntos do país desenvolveron hoxe unha concentración en Vigo convocados/as pola CIG, CCOO e UGT para reclamar un convenio colectivo xusto no sector. 

 Con esta mobilización, que se desenvolveu de 12.00 a 13.00 horas diante da sede da empresa Geriatros, na rúa García Barbón, os sindicatos queren denunciar que a patronal intenta impoñer un convenio a tres anos “de auténtica miseria” que contempla un incremmento salarial dun 0% en 2016; dun 0,5% en 2017; e dun 1% en 2018. Neste senso, lembran que o IPC de 2016 foi do 1,6%, “porcentaxe que tiveron que asumir porque no convenio en vigor fala de aplicar a porcentaxe do IPC cando non hai acordos”. 

 Ademais, a proposta empresarial non contempla ningunha hora de reducción de xornada e tan só establece un día de libre disposición. Tampouco recoñoce o plus de asistencia nas vacacións do ano pasado como dictan as sentenzas dos tribunais europeos, “recoñecemento que está xudicializado polas centrais sindicais”.  

 Finalmente, inciden en que a pesar de que se trata dun sector en expansión as empresas manteñen uns cadros de persoal cada vez máis escasos “e nunhas condicións de traballo moi precarias”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario