26/01/2017

TURISMO

A Xunta de Galicia pon en valor o recentemente oficializado Camiño Portugués da Costa 

A directora de Turismo de Galicia e o delegado territorial en Vigo presentaron a mouteira oficial que a Xunta de Galicia colocará en cada un dos concellos que atravesa esta recen oficializado Camiño de Santiago

O Camiño Portugués da Costa foi recoñecido oficialmente como Ruta Xacobea de peregrinación a Santiago de Compostela, xunto co Camiño de Inverno, coa aprobación da Lei de Patrimonio de Galicia  

A responsable de Turismo da Xunta afirmou que este recoñecemento constitúe un importante impulso para que siga crecendo a historia do Camiño de Santiago

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial en Vigo, Ignacio López-Chaves, presentaron a mouteira oficial que a Xunta de Galicia colocará en cada un dos concellos que atravesa o recen oficializado Camiño Portugués da Costa


Infogauda / Vigo

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial en Vigo, Ignacio López-Chaves, presentaron a mouteira oficial que a Xunta de Galicia colocará en cada un dos concellos que atravesa o recen oficializado Camiño Portugués da Costa.
 O acto contou tamén coa participación dos alcaldes de Redondela, O Rosal e Oia e da concelleira de Turismo de Baiona. Así mesmo, acudiron tamén o presidente do Porto de Vigo e representantes de asociacións vinculadas co Camiño de Santiago, da Asociación de Amigos dos Pazos e da Confraría de Santiago en Vigo.
 Nava Castro lembrou que o Camiño Portugués da Costa foi recoñecido oficialmente como Ruta Xacobea de peregrinación a Santiago de Compostela, xunto co Camiño de Inverno, coa aprobación da Lei de Patrimonio de Galicia. “A devandita inclusión foi froito dos estudos realizados nos últimos anos que acreditan a historicidade desta ruta e responde unha vella reivindicación dos colectivos relacionados con esta ruta xacobea”, explicou.
 Neste senso, a responsable de Turismo da Xunta afirmou que este recoñecemento constitúe un importante impulso para que siga crecendo a historia do Camiño de Santiago.
 Así mesmo, Nava Castro resaltou que o Plan Director e Estratéxico do Camiño de Santiago, ao cal fixo referencia como “un dos documentos chave no campo do desenvolvemento turístico de Galicia”, segue a mesma liña de traballo que a establecida nesta nova normativa legal. “Ambos teñen entre os seus principais obxectivos o mantemento dos valores esenciais e do patrimonio cultural asociado ao Camiño de Santiago”, sinalou.
 Segundo explicou, a través deste pioneiro plan estase a avanzar no proceso de ordenación, regulación e posta en valor dun dos maiores símbolos de Galicia, as rutas xacobeas, co horizonte do Ano Santo 2021. “O recoñecemento oficial do Camiño Portugués da Costa constitúe un paso máis neste obxectivo de garantir a protección e conservación destas Rutas Xacobeas”, afirmou Nava Castro.

 Camiño Portugués da Costa

 A responsable de Turismo da Xunta explicou que esta Ruta parte de Porto, pasa por Viana do Castelo e Caminha, cruza a desembocadura do Miño en España e continúa pola A Guardia, Baiona e Vigo ata Redondela, onde se une ao Camiño Portugués. “Case 150 quilómetros de percorrido que discorren por un incomparable marco natural”, manifestou. Para finalizar, Nava Castro asegurou que esta variante costeira consolidarase como un dos grandes reclamos da provincia de Pontevedra.

Ningún comentario: